HomeVigoNigrán'La isla mínima' nos cines municipais do Centro Comercial A Ramallosa

‘La isla mínima’ nos cines municipais do Centro Comercial A Ramallosa

- Anuncio -spot_img

Foi o filme co que pechou a sala no 2014, manténdose o cartaz na vitrina ata este ano no que o Concello comprou a infraestrutura

“Con esta proxección en colaboración co Cine Club Val Miñor Alice Guy queremos subliñar a reapertura deste cine como novo epicentro da programación cultural do municipio”, explica o alcalde, Juan González

Segunda vida para os cines do centro comercial A Ramallosa tras unha paréntese de 11 anos. O Concello de Nigrán, quen adquiríu a infraestrutura o pasado mes de setembro por un importe de 61.500 euros, retoma este xoves 30 de outubro ás 20:00 horas a programación coa que pechou as portas no ano 2014: ‘La isla mínima’, longametraxe que proxectará en colaboración co Cine Club Val Miñor Alice Guy, que traslada aquí definitivamente a súa sede tras 6 anos no Auditorio Municipal. Os cartaces deste filme gañador do Goya á mellor película, como nunha cápsula do tempo, nunca deixaron de estar pendurados das vitrinas do cine, e agora o Concello quere enfatizar esta continuidade.

“Con esta proxección queremos subliñar a reapertura deste cine como novo epicentro da programación cultural do municipio”, explica o alcalde, Juan González, quen avanza que o venres 31, Día do Ensino, proxectarase unha curta documental especial da serie ‘Nigrán na memoria’. “A partir de agora as dúas salas funcionarán como verdadeiro cine, aínda que tamén acolla outros actos do Concello. É un verdadeiro luxo dispor destas instalacións municipais nun enclave perfecto e a un prezo inigualable”, valora en referencia ao baixo prezo da operación e á localización, nun dos grandes centros urbanos do municipio. “Para o cineclube Val Miñor Alice Guy é un soño feito realidade, estamos felices con este cambio, aquí o imos a gozar moitísimo”, destaca Miguel Alejos, fundador desta asociación nacida no ano 2019 que proxecta un filme cada derradeiro xoves de mes coa colaboración do Concello de Nigrán.

O cinema, de 419 m2 en total, está composto por dúas salas de 160 butacas cada unha e o obxectivo a longo prazo do Concello é unilas facendo unha soa pero moi versátil, podéndose ampliar ou reducir en función do público ou espectáculo. “Será o verdadeiro Auditorio Municipal que Nigrán precisa”, indica González, quen incluíu un orzamento de 500.000 € para a súa transformación na subvención concedida desde Europa ao proxecto común dos tres concellos do Val Miñor ‘La ciudad de los 15 minutos’.

Publicacións Relacionadas