- Os Xardíns do Antigo Cemiterio acollerán un acto o domingo ás 12.30 horas e nel haberá un recital poético con Míriam Ferradáns e un concerto con Concert Le Phénix
O Concello de Bueu organizará o próximo domingo, 2 de novembro, un acto de recordo laico polo Día de Defuntos, que se celebrará ás 12.30 horas nos Xardíns do Antigo Cemiterio, ao carón da Igrexa de San Martiño de Bueu.
A proposta nace coa vocación de lembrar as persoas que xa non están con nós coma unha forma de homenaxealas no seu día.
A programación arrancará cun recital poético da poeta local Míriam Ferradáns, no que palabra se converterá no centro da emotividade cunha selección de textos poéticos e literarios arredor da memoria, a perda e a vida compartida.
Ademais, tamén se desenvolverá o concerto “Aires, danzas e sonatas” con Concert Le Phénix, unha proposta impulsada polo violonchelista e pedagogo Fernando Santiago que reúne instrumentos como violas, violóns, violonchelos para interpretar música dos séculos XVII ao XIX.



