O presidente da Deputación reclamou nas Xornadas “Acordo Rural” a colaboración dos concellos, das institucións, das asociacións, das empresas e de toda a sociedade, “para manter viva a nosa terra, crear oportunidades e garantir o relevo das xeracións que veñen”
O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu hoxe as Xornadas “Acordo Rural”, organizadas pola Universidade de Santiago de Compostela e o Concello de Carballeda de Avia, nas que colabora a Deputación.
Na inauguración desta iniciativa, o presidente provincial, Luis Menor, defendeu que “a loita contra a despoboación é unha tarefa colectiva”, argumentando que precisa da colaboración dos concellos, das institucións, das asociacións, das empresas e de toda a sociedade.
“Xuntos, -dixo- podemos facer que vivir no rural non sexa unha renuncia, senón unha elección libre e digna”. De feito, Menor abundou en que “Ourense ten futuro se cremos nel”. E ademáis de lembrar todas as liñas estratéxicas de goberno desenvoltas pola institución provincial neste senso, recalcou que “dende a Deputación seguiremos poñendo todos os medios ao servizo dese obxectivo común: manter viva a nosa terra, crear oportunidades e garantir o relevo das xeracións que veñen”.
Na inauguración das Xornadas “Acordo Rural”, á que asistiron alcaldes e alcaldesas da provincia, participaron tamén o alcalde de Carballeda de Avia, Luis Milia, quen agradeceu expresamente ao presidente da Deputación “o seu apoio para desenvolver esta iniciativa”; o secretario de Estado para o Reto Demográfico, Francesc Xavier Boya; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; o xefe adxunto da oficina de apoio ao Pacto Rural Europeo, Enrique Javier Nieto (realizou a súa intervención por videoconferencia); e o presidente da FEGAMP, Alberto Varela.



