HomeA CoruñaSan Sadurniño participa en Ourense nas xornadas sobre o proxecto europeo "Acordo...

San Sadurniño participa en Ourense nas xornadas sobre o proxecto europeo “Acordo Rural”

- Anuncio -spot_img

O alcalde de San Sadurniño, Secundino García Casal, e as concelleiras Araceli Bellas Castro e Raquel Piñeiro López participan hoxe e mañá no encontro “Acordo Rural – Liderando a transición desde os municipios rurais”, que se celebra entre a cidade de Ourense e o municipio de Carballeda de Avia. A iniciativa, organizada polo Concello de Carballeda de Avia e a Universidade de Santiago de Compostela coa colaboración da FEMP, a Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia e a Secretaría Xeral para o Reto Demográfico, reúne a responsables institucionais, a representantes do mundo da investigación e a entidades e concellos de España e Europa para compartir experiencias de innovación e resiliencia no medio rural.

O primeiro día das xornadas está centrándose en analizar modelos de asentamento no rural que ofrecen calidade de vida e que contribúen a frear o despoboamento, con exemplos inspiradores procedentes de Italia, Portugal e diferentes territorios do Estado. Entre os casos destacados figuran os de Ostana (Italia), Quintadona (Portugal), Kuartango (Euskadi) ou Esplús (Aragón), pequenas localidades que lograron revitalizarse a través de cooperativas de comunidade, proxectos de vivenda sostible e iniciativas de economía social. Ademais, están previstas visitas a experiencias reais de recuperación patrimonial e habitacional nos lugares de Penedo e Muimenta, acompañadas por expertos da Fundación RIA e de Base Architecture.

As mesas de debate deste martes abordan cuestións como a vivenda e a rehabilitación, a ordenación do territorio e a recuperación da terra agraria, con participación de profesionais da Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela, o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e entidades de desenvolvemento rural. Mañá mércores continuarase coas sesións arredor da transición enerxética, o emprego verde, a economía dixital e o relevo xeracional no campo.

O encontro pecharase coa entrega do Premio ao Municipio Rural Innovador e coa presentación das conclusións do “Acordo Rural”, un documento que recollerá os compromisos e propostas para impulsar políticas que melloren a calidade de vida e as oportunidades nos territorios rurais.

San Sadurniño está representado polo alcalde, Secundino García Casal, e polas titulares de Axenda 2030, Raquel Piñeiro López, e Cultura e Igualdade, Araceli Bellas Castro. Tal e como apunta o rexedor “as xornadas tratan cuestións estratéxicas para nós e para calquera concello rural que queira reter e atraer poboación. Aquí estase falando de modelos construtivos, de servizos básicos, de recuperar terras agrarias, da transición enerxética, de emprendemento…de como conseguir, en definitiva, un rural vivo e puxante”.

O programa “Acordo Rural” forma parte do Pacto Rural Europeo, unha iniciativa promovida pola Comisión Europea para apoiar o desenvolvemento sostible das zonas rurais, reforzar a súa gobernanza e facilitar a cooperación entre municipios. Destas xornadas -que poden seguirse ao vivo a través de Youtube- sairá un documento final coas principais conclusións e estratexias de desenvolvemento futuro dos concellos do rural.

Publicacións Relacionadas