HomePontevedraRedondela presenta o colector marrón, de uso exclusivo de residuos orgánicos

Redondela presenta o colector marrón, de uso exclusivo de residuos orgánicos

- Anuncio -spot_img

Os colectores van a implantarse durante o mes de decembro nas rúas do concello

O Concello de Redondela ven de presentar a campaña do colector marrón, a quinta fracción, que ten como uso exclusivo a recollida de residuos orgánicos. Este novo depósito, que ten a particularidade de estar pechado, implantarase nas rúas do concello no mes de decembro. Case a metade do lixo que se recolle son residuos orgánicos, por iso é moi importante que toda a veciñanza se sume a esta nova campaña e recicle a orgánica xerada diariamente nas vivendas.Segundo comentou a alcaldesa durante a xornada de presentación “preténdese alcanzar os obxectivos e criterios de reciclaxe marcados pola Unión Europea e facer de Redondela un concello máis sostible”.

O colector marrón vai a estar presente na maior parte das zonas urbanas do municipio. Durante as vindeiras semanas van a realizarse accións informativas a pé de rúa para dar a coñecer o funcionamento desta nova práctica de reciclaxe e para que a veciñanza poida darse de alta na campaña e recoller a súa chave e kit de benvida.

As persoas interesadas en sumarse ó voluntariado marrón que non poidan asistir ás accións a pé de rúa, poden rexistrarse na oficina de Urbaser, ubicada en rúa 8 de Marzo nº6, ou a través da solicitude online FORMULARIO ONLINE SOLICITUDE DE TI TES A CHAVE CONCELLO DE REDONDELA. Desde as redes sociais do Concello informarase de novas datas, localizacións e horarios das próximas accións.

Desde o Concello faise un chamamento especial á colaboración de grandes xeradores de orgánica. Nas próximas semanas van a dar comezo as visitas porta a porta a establecemento de hostalaría e comercio que teñen como principal obxectivo informar da posta en marcha deste novo servizo de recollida.

Campaña de Compostaxe Doméstica

En paralelo, vai a estar activa a campaña de compostaxe doméstica para as zonas rurais. Mediante este programa, a veciñanza que resida nunha vivenda illada e que conte cunha parcela ou horta, dun mínimo de 25m2, pode solicitar un composteiro individual ben chamando ao teléfono do Concello 986 400 300 ou a través da solicitude online FORMULARIO ONLINE SOLICITUDE DE COMPOSTEIRO INDIVIDUAL CONCELLO DE REDONDELA.  

Coa colaboración da veciñanza e dos grandes xeradores de orgánica búscase alcanzar unha Redondela máis sostible!

Publicacións Relacionadas