O conselleiro de Cultura fixo entrega deste galardón ao alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, nun acto celebrado na Cidade da Cultura. Un premio que pon en valor o programa Biblioverán organizado pola Biblioteca Municipal Luís Seoane.
A Biblioteca de Soutomaior convértese na mellor biblioteca da súa categoría ao recibir o premio “Bibliotecas que inspiran” da Xunta de Galicia polo programa BIBLIOVERÁN.
O alcalde, Manu Lourenzo, recibiu este galardón por parte do conselleiro de Cultura, José López Campos, no edificio CINC da Cidade da Cultura.
Manu Lourenzo destacou a importancia deste premio “en primeiro termo quero destacar o papel da nosa bibliotecaria Patricia R. Saavedra que espalla sempre amor pola literatura en todas as súas iniciativas e tamén quero destacar función de Raquel e de Diego que son as almas deste proxecto e os que achegan este servizo todos os veráns polas praias do concello de Soutomaior. Un recoñecemento que é un reflexo do valioso papel que ten a nosa Biblioteca no noso concello”.
A concelleira de Cultura, Silvia Cernadas, quixo “agradecer tamén o bo facer e o traballo incansable de todo o equipo da biblioteca con Patricia R. Saavedra á cabeza. Todos os veciños e veciñas debemos sentirnos orgullosos deste premio porque somos parte del e demostra que a nosa biblioteca, ademais de estar máis viva ca nunca, é un exemplo e un referente para as demais”.
A bibliotecaria municipal expuxo hoxe no auditorio do CINC da Cidade da Cultura es que consiste o programa Biblioverán, un servizo a través do cal a Biblioteca Pública Luís Seoane se traslada as diferentes zonas de baño do concello con actividades para todos os gustos.
Estes premios ás mellores bibliotecas da Xunta de Galicia empezaron a concederse no 2018, aínda que antes denominábanse premios á Innovación Bibliotecaria, e a biblioteca municipal Luís Seoane de Soutomaior é a única que recibiu este galardón dúas veces (a primeira no 2022 polo programa Bibliofogar e, agora, no 2025, por Biblioverán) na súa categoría (concellos de menos de 10 mil habitantes). A estes recoñecementos hai que sumar os catro premios María Moliner do Ministerio de Cultura conseguidos desde o ano 2021.
Dende a Xunta de Galicia dixeron que Biblioverán supón unha mostra clara do compromiso do Concello de Soutomaior coa cultura, e quixeron agradecer o apoio e a implicación do Concello neste tipo de iniciativas que visibilizan o papel fundamental das bibliotecas públicas como espazos de aprendizaxe e encontro.
O premio trae consigo unha retribución económica de 3.000€. Un galardón que foi concedido na categoría de concellos de menos de 10.000 habitantes polo programa Biblioverán dos anos 2023-2025.



