O programa municipal Coidamos, promovido pola Concellería de Medio Ambiente do Concello de Mos, organiza do 28 ao 30 de novembro o Retiro Armonizamos, unha experiencia única no corazón do Courel orientada a favorecer o benestar integral das persoas participantes.
A actividade desenvolverase na Casa das Tecedeiras, en plena natureza, e propón unha fin de semana para respirar fondo, escoitar o silencio e reconectar cun mesmo. O obxectivo é ofrecer un espazo de calma, aprendizaxe e crecemento persoal a través de diferentes prácticas enfocadas na harmonización corpo-mente.
Durante o retiro abordarase unha completa programación que inclúe sesións de ioga e meditación, introdución á neurociencia do benestar, baños de bosque e conexión coa natureza, experiencia de baño vibracional, actividades de mindfulness creativo ou ferramentas prácticas para xestionar o estrés.
O retiro estará guiado por Uxía Veiga, profesora de ioga e meditación, e Noelia Samartín, doutora en neurociencia e psicoloxía.
O prezo é de 290 euros por persoa en habitación dobre, con todos os gastos incluídos agás o desprazamento.
As persoas interesadas poden obter máis información e realizar a súa inscrición a través do teléfono 986 097 037.



