HomeA CoruñaA Pobra conmemora o 159 aniversario do nacemento de Valle-Inclán, un "símbolo"...

A Pobra conmemora o 159 aniversario do nacemento de Valle-Inclán, un “símbolo” para o municipio

- Anuncio -spot_img

·      Concello realizou a tradicional ofrenda cívica diante do monumento en honor ao autor.

·      A programación das xornadas continuará este domingo, 2 de novembro, ás 12.30 horas coa representación da obra Xan Quinto e outros romances de cego.

O Concello celebrou, esta mañá, o acto central das XXVII Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán cunha ofrenda cívica que serviu para conmemorar o 159 aniversario do nacemento do autor. Á cita asistiu a concelleira de Cultura, Patricia Lojo, así como as edís Estefanía Ramos e Amparo Cerecedo, o director do Museo Valle-Inclán, Antonio González, o neto, biógrafo e investigador da obra de Valle-Inclán, Xaquín del Valle-Inclán Alsina, e edís da corporación municipal. Durante a súa intervención, a concelleira de Cultura definiu a Valle-Inclán como un “símbolo e unha referencia do municipio”, incidindo en que o pasado, o presente e o futuro “da Pobra e do autor están estreitamente entrelazados ata o punto de que non poderíamos falar do noso concello sen mencionar ao escritor”.

Na ofrenda, a edil de Cultura lembrou que A Pobra do Caramiñal foi o lugar de nacemento dos seus pais, a localidade onde a súa familia tiña unha propiedade e onde “Valle-Inclán gardaba recordos da infancia e da súa xuventude e un auténtico refuxio espiritual e creativo que o inspirou para asinar boa parte das súas obras”.

A actividade de hoxe arrincou coa música do Grupo Xiada, que fixo unha ruada musical polos principais espazos da vila: Alameda, Xardíns de Valle-Inclán, mercado municipal, prazas de García Martí, Cantón da Leña, Fonte dos Catro Canos e Galicia. A continuación, levouse a cabo a ofrenda floral diante do monumento situado no Cantón da Leña.

Próximas actividades

A programación das xornadas continuará este domingo, 2 de novembro, ás 12:30 horas. Ese día, a Alameda acollerá a primeira das representacións de rúa de Títeres Alakrán: Xan Quinto e outros romances de cego, con Borja Ínsua, que continuará despois na praza da Fonte dos Catro Canos.

O sábado, 8 de novembro, ás 11:30 horas, celebrarase no Museo de Valle Inclán, na sala de iconografía contemporánea, un obradoiro de caligrafía artística impartido por Alba Farto, baixo o título Arte da rotulación e lettering, dirixido á mocidade e persoas adultas.

O ciclo pecharase o sábado 15 de novembro, ás 20:00 horas, coa representación de Teatro en Punto, que levará á rúa a obra A miña irmá Antonia, unha das novelas breves de Valle-Inclán, con dirección de Gloria Rico Galán. A función desenvolverase na Alameda e continuará na praza Fonte dos Catro Canos.

Publicacións Relacionadas