O Concello de Mos vén de acometer os traballos de limpeza, mantemento e acondicionamento dos cemiterios municipais de cara á celebración do Día de Defuntos, co obxectivo de que todas as instalacións estean en perfecto estado para recibir ás veciñas e veciños que nestas datas acoden a lembrar aos seus seres queridos.
Os concelleiros Camilo Grandal, Laura Méndez e Baldomero Lorenzo visitaron esta mañá os cemiterios municipais de Mos e Torroso para supervisar os traballos realizados. As tarefas desenvolvidas inclúen a limpeza de camiños e accesos, a roza de maleza, a reposición de iluminación e a mellora xeral das instalacións, tanto no interior dos recintos como nas súas contornas.
Dende o Concello de Mos sublíñase que estes labores se realizan cada ano coincidindo coa festividade de Todos os Santos, pero tamén se manteñen actuacións periódicas de mantemento ao longo de todo o ano, co fin de garantir o bo estado destes espazos públicos que teñen un fondo valor simbólico e emocional para a veciñanza.
“Queremos que as familias atopen os cemiterios coidados e limpos nestas datas tan especiais, nas que todos acudimos a render homenaxe aos nosos”, sinalou Laura Méndez, concelleira de Medio Ambiente.



