Intervirase nunha distancia lineal duns 800 metros de estrada cun investimento de 145.000 a cofinanciar pola Consellería de Economía e Industria.
As obras contempladas no proxecto de mellora das infraestruturas viarias do parque empresarial da Laracha comezarán a executarse nos próximos días despois da reunión previa ás actuacións que mantiveron o alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro de Obras Públicas, Pablo Cambón, co representante da empresa adxudicataria, Excavaciones y Obras Candal S.L., nun dos tramos da estrada que será obxecto dos traballos.
Este proxecto ten por obxectivo facilitar os accesos principais na zona sur pola estrada AC-552 e a autoestrada AG-55, ambas directamente conectadas co ámbito industrial. Inclúe catro puntos de intervencións diferenciados. Tres afectan a tramos de calzada, situándose un entre as glorietas da AC-552 e a do acceso principal ao parque empresarial; outro no sector que discorre fronte ao viveiro de empresas; e os dous últimos son a propia rotonda que está a continuación e o seguinte tramo de vía en dirección Lendo e por diante da siderurxia.
En total son preto de 800 metros lineais de estrada os afectados, nos que se vai renovar a superficie de rodadura co fresado do firme e a extensión dunha capa de aglomerado asfáltico en quente. Tamén será mellorada a rede de recollida de pluviais para evitar riscos de que a auga de choiva invada a plataforma da calzada. Por último, inclúese a sinalización horizontal e vertical nos tramos afectados.
O Concello considera estas actuacións necesarias ante as deterioracións causadas na superficie de rodadura polo paso continuo de vehículos de alta tonelaxe e maquinaria pesada cara a zona empresarial. A renovación do firme pretende aumentar o confort do tráfico rodado e aumentar a seguridade viaria.
O proxecto está valorado en máis de 145.000 euros e será cofinanciado entre o Concello e a Consellería de Economía e Industria ao abeiro da convocatoria de axudas encamiñadas á rehabilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais.



