- As máis comúns nestes tres meses son as de beirarrúas e calzadas, a roza de camiños, a recollida do lixo e a limpeza viaria
- Os meses con máis comunicación de incidencias foron xullo e agosto, que coinciden cos do maior incremento poboacional
A aplicación “Meu Concello” do Concello de Bueu rexistrou nos meses de xuño a setembro un total de 347 incidencias, a maioría das cales foron solucionadas polo consistorio e permitindo unha maior comunicación. Concretamente dende o 1 de xuño ao 29 de setembro, a maioría de incidencias son as relacionadas coas beirarrúas e calzadas (64), seguidas das de roza de camiños (50), recollida do lixo (35) e limpeza viaria (27). Despois séguenlle as de praias (26) parques e xardíns (23), alumeado público (20), mobiliario urbano (17), tráfico e mobilidade (17), abastecemento (14), sinais e semáforos (9), recollida enseres e voluminosos (9), pragas de insectos e roedores (6), saneamento (6), instalacións deportivas e culturais (6), verquidos (5), ruídos e convivencia (4), outras actuacións (4), disciplina urbanística (2), edificios educativos (2), e vías públicas Deputación (1).
Neste período, o mes de agosto foi o de máis comunicación de incidencias, cun total de 115, seguido moi de preto de xullo, con 99, xuño con 76 e setembro con 60.
Actualmente, son 824 as persoas que teñen a aplicación descargada na nosa vila, unha boa cifra que se agarda incrementar nos próximos meses.
De entre os avisos máis recorrentes están os puntos de luz que non funcionan ou nos que falta a luz, beirarrúas que se atopan con baldosas en mal estado, camiños ou viais nos que se precisa a roza e limpeza de vexetación, problemas cos servizos de auga, avarías nos xogos dos parques ou outras instalacións municipais, problemas nas praias e parques etc. Así mesmo, dende a aplicación tamén se dispón de opcións para que se poidan comunicar incidencias de espazos doutras administracións, caso da Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra, Costas do Estado ou Portos de Galicia, as cales son trasladadas dende o Concello aos organismos competentes.
A aplicación leva máis dun ano en funcionamento, e nese tempo rexistráronse preto de 1500 incidencias. A valoración que se fai dende o consistorio é moi positiva, pois esta ferramenta permite ter un coñecemento das avarías de todas as parroquias ao momento e coa ubicación exacta, ademais de facer un seguimento e poder establecer comunicación coas persoas para indicarlles se se solucionou ou os cambios que se van producindo. É por iso que se anima a toda a cidadanía a facer uso dela, dado que é moi sinxela de utilizar e só se precisa un teléfono smartphone.
Modo de emprego de ‘Meu Concello’
A persoa usuaria accede a Google Play ou APP Store en función da tecnoloxía empregada no seu smartphone (Android /iOS). Unha vez localizada, lévase a cabo a descarga de forma gratuíta. Posteriormente deberase seleccionar o municipio sobre o que quere comunicar a incidencia, e a partir dese momento, xa comeza a funcionar o servizo de forma gratuíta, rápida e sinxela.
Para comunicar unha incidencia, basta con pinchar sobre o botón “Nova incidencia”. Un despregable coas diversas tipoloxías aparece na pantalla, e a persoa usuaria selecciona a que quere comunicar. De forma automática, a aplicación detecta as coordenadas exactas nas que se ubica o desperfecto, e o seguinte paso é engadir unha foto da incidencia e observación sobre a mesma. A partir de aí, unha vez enviada, o persoal do Concello recibe notificación do desperfecto comunicado, e xa se inician os trámites para dar solución á incidencia detectada. O cidadán ou cidadá recibe á súa vez notificación no teléfono móbil sempre que se produza un cambio no estado, e tamén pode facer seguimento da situación na que se atopa a mesma a través do botón de “Enviadas”.
Ademais de comunicar a incidencia, a cidadanía pode acceder á información propia do municipio ao igual que aos puntos de interese do mesmo. A través do botón “Noticias e Alertas” tamén se ofrecerá información en tempo real de todas as comunicacións que o Concello emita.
A ferramenta, que se financia co apoio da Deputación de Pontevedra, non só é interesante para a cidadanía. A nivel de xestión local tamén permite que os servizos municipais teñan un control sobre o seu traballo, ademais de emitir informes de incidencias segundo a tipoloxía, o estado, o lugar e o seguimento na solución.



