Celebrarase no 8 de novembro na costa ribeirense
Os afeccionados á pesca deportiva teñen unha cita no 8 de novembro coa quinta edición do Open de Corrubedo Spinning Galicia que reunirá a 160 participantes procedentes de distintos puntos da xeografía galega, así como do País Vasco, Cantabria, Asturias, Castela e León e Portugal.
Así o desvelaron o concelleiro de Deportes, Álex Vidal; o seu homólogo de Mar, Fernando Abraldes; e Ramón Crujeiras, coñecido como Portas, en representación de Spinning Galicia.
O spinning é unha técnica de pesca recreativa que emprega un cebo artificial para atraer a peixes depredadores. Caracterízase por lanzar e recoller a isca continuamente, imitando o movemento dunha presa, segundo explicou Ramón Crujeiras, quen precisou que o tope máximo por participantes establécese nos 5 quilogramos de peixe.
Para o edil Álex Vidal, trátase dun evento “xa consolidado no calendario deportivo de Ribeira que une unha práctica deportiva e o mar; reforzando así o noso vínculo co eido marítimo e desfrutando do mesmo a través de diferentes alternativas.”
Este torneo desenvolverase en horario de 08.00 a 13.00 horas, no tramo de litoral comprendido entre as praias de Río Sieira e da Corna, para capturar especies como as robalizas, sargos e pintos, tal e como explicou o edil de Mar, quen avanzou que, en caso de mal tempo, haberá un plan alternativo que se focalizará na costa xa máis resgardada na ría de Arousa, é dicir, dende Couso ata a praia da Corna. Ademais, durante todo o transcurso da proba contarase coa colaboración do GAEM e da Policía local.
Haberá agasallos para as distintas categorías, entre as que se atopa a masculina, a feminina, a promesa e a captura máis grande. A totalidade do peixe capturado doarase á residencia de maiores.



