- Ángeles Vázquez indica que os retos climáticos precisan da implicación colectiva de administracións, tecido produtivo e cidadanía e, nesa liña, a Xunta puxo en marcha iniciativas que teñen a cooperación como eixo central para aproveitar sinerxías
- Pon en valor o Programa de gobernanza ambiental nos concellos galegos, que foi un proxecto pioneiro e adiantado ao seu tempo, e que nos últimos 25 anos traballou a prol do medio ambiente e da saúde ambiental
- Subliña que Galicia avanzou moito neste eido e puxo como exemplo, entre outras cuestións, que somos a comunidade que máis reduciu as súas emisións netas de gases de efecto invernadoiro respecto a 1990 e que nos últimos 25 anos pecháronse, ou adaptáronse á normativa, 230 vertedoiros municipais
- A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático destinará a políticas climáticas 35,5 M€, o que supón un crecemento do 13,5%
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou hoxe a cogobernanza como eixo transversal das políticas públicas ambientais de cara a acadar o obxectivo da neutralidade climática no ano 2040, un compromiso que se recolle na que será a primeira Lei do Clima de Galicia, que está actualmente en tramitación parlamentaria.
Durante a súa intervención no acto de clausura do Programa de gobernanza ambiental nos concellos galegos, que se celebrou hoxe en Santiago de Compostela, a conselleira indicou que os retos climáticos precisan da implicación colectiva de administracións, tecido produtivo e cidadanía.
Nese senso, subliñou que a Xunta leva anos traballando para aproveitar sinerxías e puxo en marcha iniciativas que teñen a cooperación como eixo central. Así, sinalou a Alianza galega polo clima, que conta con preto de 240 entidades adheridas, entre as que se inclúen empresas, universidades, autoridades portuarias, fundacións, asociacións, clústeres, ONG, clubs deportivos, colexios profesionais.
E, ademais, a Xunta coordina o Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía, que implica xa a 287 municipios galegos comprometidos coa neutralidade climática, e puxo en funcionamento a Rede local polo clima, para promover políticas locais de sustentabilidade ambiental, facilitando a xestión do coñecemento así como a difusión e intercambio de experiencias.
Nesa liña de implicar ás entidades locais na loita contra o quecemento global, a conselleira puxo en valor o traballo desenvolvido nos últimos 25 anos polo Programa de gobernanza ambiental nos concellos galegos a prol do medio ambiente e da saúde ambiental. “Foi un proxecto pioneiro e adiantado ao seu tempo”, enxalzou a conselleira, que incidiu nos 65 cursos de saúde ambiental e varios encontros de alto nivel que se celebraron ao abeiro desta iniciativa e aos que asistiron 6.700 persoas.
Segundo explicou a conselleira, desde que no ano 2000 se puxo en marcha esta iniciativa, Galicia avanzou moito en materia climática. Somos a comunidade que máis reduciu as súas emisións netas de gases de efecto invernadoiro (GEI) respecto a 1990; en 2024 o 85,6% do total da enerxía producida en Galicia foi de orixe renovable; nos últimos 25 anos pecháronse, ou adaptáronse á normativa, 230 vertedoiros municipais, e desde 2014 actuouse en 1.249 puntos de vertidos incontrolados.
35,5 M€ para políticas climáticas
Para seguir avanzando nese camiño cara á neutralidade climática, a Consellería de Medio Ambiente destinará a políticas climáticas 35,5 M€, o que supón un crecemento do 13,5%. Ademais, o vindeiro ano Galicia converterase a primeira comunidade española que conte cun mercado voluntario de créditos de carbono para impulsar proxectos de absorción de CO2 e que empresas, entidades e organizacións poidan compensar as súas emisións de GEI mediante a compra de créditos xerados por eses proxectos.
A maiores, convocarase unha segunda edición das axudas para infraestruturas verdes dirixidas a concellos e seguirase avanzando na marca Refuxio Climático coa mellora dos sistemas de alerta temperá, con especial fincapé na de calidade de aire, e no impulso ás redes de observación, ás que dedicamos 4,1 M€ ao ano para o seu funcionamento.
Ademais das políticas climáticas, a Consellería seguirá impulsando iniciativas no eido da economía circular. Así, lanzarase unha nova liña de apoio aos concellos para dixitalizar a recollida de refugallos, que complementará as axudas que vén convocando a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade para apoiar os concellos no exercicio das súas competencias nesta materia por un importe total de 8,2 M€.
En 2026 tamén se desenvolverá unha Estratexia de formación e sensibilización dirixida a diferentes colectivos —comercio local, comunidade educativa e cidadanía— ou por tipos de residuos, cun investimento de 1,8 M€.



