A Xunta de Goberno aprobou esta mañá o inicio da licitación por 368.100,19 euros. Permitirá crear un espazo de convivencia con alta calidade urbana.
A Xunta de Goberno aprobou esta mañá a licitación do proxecto de mellora da accesibilidade e calidade urbana da rúa Luís Seoane. O orzamento desta obra, longamente demandada pola veciñanza e financiada con cargo ás transferencias da Deputación ao Concello de Pontevedra, ascende a 368.100,19 euros con IVE, cun prazo de execución de 5 meses.
O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores explicou que esta actuación transformará unha vía con problemas de estacionamento e accesibilidade nun espazo de convivencia de alta calidade urbana. “O proxecto busca resolver os diferentes problemas detectados na rúa, como o excesivo número de vehículos mal estacionados e o mínimo espazo peonil”, aclarou.
A reforma integral converterá esta rúa sen saída nunha nova praza urbana na contorna da avenida de Vigo, un espazo que actualmente carece destas características. O proxecto prevé a instalación dunha especie de plataforma única, incluíndo dúas plataformas de 80 centímetros para sortear o desnivel.
Entre as melloras urbanísticas, inclúese a renovación dos servizos de pluviais e abastecemento, a instalación de novo mobiliario urbano e nova iluminación.
“No fondo da rúa, diante do muro, será construído un xardín vertical que contará con dez tipos de flores distintas. Ademais, serán colocadas luces LED no chan para favorecer que non haxa sombras que provoquen problemas de accesibilidade”, concluíu o alcalde.



