A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a apertura do proceso de licitación para actuar na zona leste e norte do centro urbano así como no ámbito do nó do Pino.
Cambiaranse todas as luminarias por tecnoloxía led o que permitirá un aforro de 1.250.762 kWh/ano, o que supón o 78% do consumo actual.
A Xunta de Goberno local aprobou esta mañá o inicio do procedemento de contratación do proxecto de renovación das instalacións de iluminación pública no centro urbano (zona norte-leste), que inclúe tamén o ámbito do Pino. Este proxecto, financiado en parte con cargo ás transferencias provinciais da Deputación que lle corresponden ao Concello de Pontevedra no ano 2025, busca modernizar a iluminación e aumentar a eficiencia enerxética nestes barrios da cidade.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, subliñou a importancia desta actuación: “É un proxecto de 2.320.991,19 euros e consiste na renovación de 2.304 luminarias”. O prazo de execución do proxecto é de 6 meses.
A renovación substituirá as actuais luces (equipadas con lámpadas de descarga fluorescentes de vapor de sodio de alta presión ou haloxéneos metálicos) por outras de tecnoloxía LED. O consumo actual de 1.607.254 kWh/ano pasará a ser de 356.492 kWh/ano, é dicir, o aforro enerxético sera de 1.250.762 kWh/ano, é dicir, do 78%. Esta nova tecnoloxía tamén permitirá diminuír o impacto ambiental reducindo as emisións en 651,69 tCO2/ano.
Ademais da substitución das luminarias, os traballos inclúen a renovación de 39 cadros de mando e protección, a instalación de módulos de telexestión en dous deles, permitindo un control máis eficiente a renovación do cablaxe deteriorado, a limpeza das columnas e o saneado e pintado dos báculos.
“Unha vez executado este proxecto, o Concello de Pontevedra terá o 83% de todas as 24.000 luminarias públicas cambiadas a LED. Este é un dato que non ten, probablemente, en ningunha cidade. Estamos moi por encima de tódalas cidades”, explicou o alcalde Lores.



