HomeDeputaciónsDeputación PontevedraLuis López divulga en Barcelona as múltiples propostas de Rías Baixas e...

Luis López divulga en Barcelona as múltiples propostas de Rías Baixas e sinala o público do arco mediterráneo como clave no crecemento sostible e desestacionalizado do destino

- Anuncio -spot_img

O presidente da Deputación, acompañado polo deputado de Jesús Vázquez Almuíña, participa nun encontro de traballo xunto con representantes de 25 empresas das Rías Baixas para atraer visitantes da capital catalana

“A provincia conta cun catálogo de experiencias amplo e da máxima calidade para desfrutar en calquera época. As portas das Rías Baixas están abertas, hoxe e todos os días do ano”, afirma López

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, dá a coñecer a profesionais do sector turístico da cidade e provincia de Barcelona as múltiples propostas que ofrecen as Rías Baixas para desfrutar desta “provincia extraordinaria” en calquera época do ano, ante un público, o do arco mediterráneo, clave para o crecemento sostible do destino. Un encontro de traballo entre profesionais de distintas ramas do sector turístico das dúas provincias organizado polo organismo provincial co obxectivo de avanzar na estratexia de desestacionalización do destino turístico Rías Baixas. “As portas das Rías Baixas están abertas, hoxe e todos os días do ano”, afirmou o mandatario provincial nun workshop no que tamén participaron o deputado provincial de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña; e a directora de Turismo, Romina Fernández.

“Rematada a tempada de verán, confirmamos que as Rías Baixas consolídanse como un destino en crecemento no que o turismo internacional segue subindo e se sitúa xa no 46 %”, destacou o mandatario provincial antes de enumerar unha serie de propostas que demostran que “a provincia conta cun catálogo de experiencias amplo e da máxima calidade para desfrutar en calquera época do ano”.

Neste sentido, o presidente López amosou a confianza nas propostas turísticas das Rías Baixas fóra da tempada estival. “Quen se atrevería a rexeitar unha cata dos mellores albariños Rías Baixas nunha bodega do Salnés con vistas ao mar?, quen pode dicir que non a unha experiencia de turismo rural con paseos por bosques de carballos e castiñeiras, una delicia para los amantes dos cogomelos?, a quen non seduce unha escapada termal a Mondariz, Caldas ou Cuntis?, e se vos falo dun cocido en Lalín- ou das variantes do Camiño de Santiago?”, cuestionou López, para resolver a continuación que se trata “só dunha serie de propostas que resumen a estratexia turística das Rías Baixas, un plan centrado na sustentabilidade, a descentralización e a desestacionalización como o camiño para fuxir da masificación, repartir a riqueza e ofrecer ao visitante unha experiencia inesquecible”.

Neste workshop celebrado na Casa Rius de Barcelona, a Deputación deseñou unha presentación do destino Rías Baixas no que tamén participaron representantes de 25 empresas de distintos eidos do sector turístico co obxectivo de tender pontes de colaboración con empresas locais. Unha xornada na que os participantes puideron desfrutar da música de Carolina Vázquez, da degustación de produtos gastronómicos propios das Rïas Baixas elaborados por Salmoira e dun sorteo de experiencias e premios relacionados co turismo na provincia. Así mesmo, a Deputación aproveitou para dar a coñecer o Museo de Pontevedra e os castelos de Soutomaior e Sobroso, así como para a proxección de dúas pezas audiovisuais que dan a coñecer distintos produtos turísticos que ofertan as Rías Baixas fóra da tempada de verán.

“Nas Rías Baixas sempre nos caracterizamos por ser unha acolledora que fai sentir ao visitante coma na casa. Esa calidade de vida, que noutros lugares chaman slow life, é a que fai que quen probe as Rías Baixas, sempre volva. Unha oferta so á altura da calidade e profesionalidade das empresas do sector turístico da provincia, referentes nun trato de excelencia ao visitante”, concluíu o presidente da Deputación, Luis López.

Publicacións Relacionadas