Ata 30 comensais do Camiño Portugués poderán volver gozar do produto local de balde hoxe no primeiro andar da Praza de Abastos ás 19.30. As vindeiras ceas no Mercado serán o xoves 6 e o venres 7 de novembro
O proxecto está financiado polos fondos NextGenerationEU da Unión Europea e xestionados polo Concello de Pontevedra a través dun convenio de colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia para a execución do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) de Pontevedra.
O Concello de Pontevedra, a través da área de Promoción Económica, volve convidar hoxe aos peregrinos aloxados en albergues da Boa Vila a gozar das creacións de cociñeiros locais no primeiro andar da Praza de Abastos. Trátase dun total de 29 degustacións gratuítas acompañadas por un guía turístico que axudará aos cociñeiros a explicar o seu traballo durante a actividade, ofrecidas a través do programa de dinamización do Mercado, Pontevedra Capital Gastro, que quere converter este equipamento comercial e cultural da cidade no epicentro culinario da mesma.
A Mesa do Camiño está a permitir a visitantes non só de lugares próximos, senón mesmo de diversos países e culturas, aprender sobre a gastronomía galega grazas a unha degustación de balde que se realiza os xoves e os venres ás 19.30 horas no primeiro andar da Praza de Abastos. O único requisito é que as persoas asistentes amosen que están a pernoctar nun albergue da Boa Vila, así como o credencial conforme están a realizar o Camiño de Santiago.
Hoxe, venres 31 de outubro, os peregrinos poderán gozar dos petiscos ofrecidos pola cociñeira de A Fervella. O menú consistirá en vieiras á galega, caldo, guiso mariñeiro e torta de améndoa para finalizar. Todo acompañado dun bo viño. A cita de onte foi con Olmos Gastro Bar cun menú formado por mexillóns ao vapor, caldo galego, calamares guisados e, de sobremesa, torta de queixo.
As vindeiras datas son o xoves 6 e o venres 7 de novembro; o xoves 13; o xoves 20 e o venres 21. En marzo volverán as Mesas do Camiño o xoves 5, o venres 6; o xoves 12 e o venres 13, o xoves 19 e o venres 20 e o xoves 26 e o venres 27. En abril serán as últimas: o xoves 9 e o venres 10; o mércores 15, xoves 16 e venres 17; xoves 23 e venres 24 e o xoves 30 de abril será a derradeira.
É posíbel anotarse a través do formulario do Apúntate! dispoñible na páxina do Concello de Pontevedra e no qr dispoñible nos carteis repartidos polos puntos chave da cidade, como establecementos turísticos e de hostalería. Hai un máximo de 30 prazas por sesión. O enlace ao formulario de inscrición é o seguinte: https:// apuntate.pontevedra.gal/a-mesa-do-camino/.
O proxecto está incluído dentro do convenio de colaboración asinado entre o Concello de Pontevedra e a Axencia de Turismo de Galicia para a execución do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) de Pontevedra valorado en 2 millóns de euros. Este plan local forma parte do Plan Territorial de Sustentabilidade Turística do Litoral de Galicia. Os fondos dos que se benefician ambolosdous plans, foron distribuídos polo Ministerio de Industria y Turismo no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia do Goberno do Estado. Este Plan de recuperación está financiado por fondos NextGenerationEU da Unión Europea



