As 15 prazas dispoñibles para mañá volvéronse esgotar en 30 minutos e hai 25 crianzas en agarda. Como cada semana, a inscrición de balde abre o mércores e pecha o venres
As crianzas aprenderán a elaborar chulas de calacú e máis retratos fantasma feitos de doce
O Concello de Pontevedra, a través da área de Promoción Económica, continúa a ofertar os obradoiros de balde para crianzas O Ganapán no Mercado de Abastos. Mañá, sábado 1 de novembro, o programa desenvolverase de 11.30 a 13.30 horas no primeiro andar e terá como eixo temático o Samaín.
As 15 prazas esgotáronse en 30 minutos e hai xa 25 pequenos e pequenas en lista de agarda para unha arrepiante entrega do Ganapán na que as crianzas aprenderán a facer repostería propia da época. Primeiro, unhas chulas de calacú tradicionais galegas, e a seguir, elaborarán retratos fantasmas para sacar o seu lado máis creativo. A semana pasada, as pequenas e os pequenos reposteiros xa botaron man da cabaza de tempada para aprender a elaborar pan coas súas propias mans.
Estes obradoiros infantís son un xeito de coñecer os doces típicos do Samaín galego e divertirse ao tempo que se fomentan hábitos alimentarios saudables con produtos de calidade e proximidade, así como aproveitar e dar a coñecer un espazo fundamental da cidade como é o Mercado de Abastos de Pontevedra.
O prazo para os obradoiros infantís destinados a nenas e nenos de 4 a 10 anos abre cada mércores e pecha os venres. Para máis información, é posíbel reservar a través do enderezo oganapan@gmail.com.
Ademais, máis de 600 crianzas están a coñecer este equipamento esencial da Boa Vila coas monitoras do Ganapán cada mércores e xoves a través das visitas escolares que finalizarán o 20 de novembro co alumnado do CEIP Vidal Portela.



