HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación de Pontevedra destinará 340.000 euros á formación das mulleres a...

A Deputación de Pontevedra destinará 340.000 euros á formación das mulleres a través dunha nova edición do programa +Xuntas

- Anuncio -spot_img

Luis López anunciou que a institución provincial incrementa en 20.000 euros o orzamento desta iniciativa, que impulsa accións coas que tamén se busca crear redes de apoio e fomentar as relacións interpersoais das mulleres

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este venres que a institución provincial “activa as engrenaxes para poñer en marcha unha nova edición de +Xuntas, que estará dotado en 2026 de 340.000 euros para continuar impulsando accións para a mellora da formación das mulleres da provincia”. A Deputación incrementa o orzamento deste programa en 20.000 euros, un 6% máis de recursos respecto ao ano anterior, “cos que imos seguir avanzando para mellorar a formación básica e as condicións de vida das mulleres”.

+Xuntas está dirixido a asociacións, federacións ou fundacións sen fins de lucro da provincia, que terán un mes para solicitar as actividades a partir da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra. O presidente Luis López sinalou que “estas entidades traballan a favor da igualdade, que é un obxectivo prioritario e irrenunciable do noso goberno”, e tamén asegurou que “esta é unha proba máis de que o compromiso co tecido asociativo é un feito, ademais dunha proba de que confiamos nel como un dos alicerces fundamentais para o desenvolvemento e avance da provincia de Pontevedra”.

Ao igual que nas edicións anteriores, ofertaranse un total de 207 obradoiros que se poderán escoller entre un catálogo dividido en catro bloques temáticos. Dentro de +Tecnoloxía contémplanse cursos de alfabetización dixital, de socialización coas redes sociais, de administración electrónica e de administradoras de redes sociais. En +Creatividade haberá talleres de pintura, teatro, encontros con lectoras, patchwork, personalización de álbums e artesanía en coiro. Dentro de +Natura inclúense accións centradas nas plantas medicinais, a conservación de alimentos, a xardinería, as hortas ecolóxicas e a arte floral. Ademais, en +Saúde ofreceranse obradoiros de ioga, pilates, taichi, ximnasia hipopresiva, menopausa de forma saudable, autocoidado, autoestima e comunicación asertiva, musicoterapia, risoterapia e atención plena.

Os cursos están dirixidos a un máximo de entre 20 e 25 persoas, segundo a especialidade, e terán unha duración de 35 horas. Ademais do seu obxectivo principal, con este programa a Deputación tamén busca crear redes de apoio para impulsar a participación activa, a sororidade e a xeración de vínculos, así como fomentar as relacións interpersoais, romper co illamento e impulsar intercambios de experiencias.

Publicacións Relacionadas