- O alcalde de Bueu e edís do goberno visitaron este venres, véspera do Día de Todos os Santos, o camposanto que loce “unha imaxe renovada”
 
O Concello de Bueu levou a cabo nas últimas semanas unha actuación de mellora no Cemiterio Municipal de Beluso, consistente no axardinamento coa plantación de árbores de diversas e variadas especies, o adecentamento da contorna das sepulturas, a instalación dunha billa, a colocación de varios bancos de madeira tanto no interior como no exterior, e a construción dunha rampla no acceso para o tránsito das persoas con mobilidade reducida.
Félix Juncal, alcalde da vila, visitou este venres o cemiterio, acompañado doutros edís municipais, caso de Isabel Quintás, Carmen García, Xosé Leal, Martín Villanueva e Celso Dopazo. Na véspera de Todos os Santos, o rexedor puxo en valor esta actuación, que supón “unha imaxe renovada deste espazo de memoria”, e que se suma ás xa feitas nos últimos anos neste camposanto, como foi a dotación de nichos e columbarios, o formigonado dos corredores interiores ou a tala da árbore de gran tamaño que se atopaba na parte central e que se tivo que cortar debido ao seu mal estado e á perigosidade para a veciñanza.
Nestas semanas, e con motivo da visita da veciñanza aos cemiterios debido ao Día de Todos os Santos, o Concello tamén levou a cabo o reforzo da limpeza e roza dos cemiterios de Cela, Bueu e Ermelo, así como da contenerización. Así mesmo, tamén está previsto un dispositivo especial da Policía Local para a regulación do tráfico nos cemiterios durante a fin de semana.

                                    

