HomeDeputaciónsDeputación PontevedraO Pleno aproba unha modificación de crédito de 10,3M€ para mellorar a...

O Pleno aproba unha modificación de crédito de 10,3M€ para mellorar a eficiencia enerxética en Príncipe Felipe seguir avanzando na seguridade das estradas provinciais

- Anuncio -spot_img

A sesión ordinaria serviu para aprobar tamén o primeiro Plan Estratéxico de Xuventude da Deputación para poñer en marcha programas de apoio á mocidade centrados na inserción laboral, a emancipación, o despoboamento e o benestar físico e emocional

Apoio unánime da corporación provincial á moción do Grupo Popular para a búsqueda dun trazado alternativo para a variante oeste de Caldas de Reis que non prexudique á veciñanza dos concellos de Caldas de Reis e Portas

Aprobado cos votos favorables do Grupo Popular unha modificación de crédito do Consorcio Provincial do Servizo contra Incendios e Salvamento valorada en 377.000 euros para mellorar as condicións laborais dos bombeiros

O pleno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar este martes unha modificación de crédito por valor de 10,3 millóns de euros que servirán para financiar o ambicioso proxecto de mellora da eficiencia enerxética da Cidade Infantil de Príncipe Felipe, valorada en 3,2M€, e para seguir avanzando na seguridade viaria das estradas provinciais co desembolso de 5,1M€ para a conservación de firmes e 1,9M€ para asinar convenios cos concellos da provincia en materia de infraestrutura viaria. Nesta mesma sesión ordinaria aprobáronse outros investimentos relacionados coas estradas, como a terceira prórroga do acordo marco de cunetas de seguridade por valor de 2M€ e a aprobación por unanimidade do proxecto de mellora da EP-0601 no Concello de Poio entre as localidades de Portosanto e Campelo ata enlazar coa estrada PO-308. Así mesmo, o pleno aprobou o primeiro Plan Estratéxico de Xuventude da provincia con programas e iniciativas para apoiar e incentivar o talento da mocidade.

A sesión comezou coa aprobación por unanimidade da terceira prórroga do acordo marco de cunetas de seguridade na rede viaria provincial, un contrato valorado nun total de 1,99M€ e dividido en tres lotes:  Norte, adxudicado a Explotaciones Gallegas SL por 665.125€ , Centro, á UTE Narom SL -Audeca SL por 738.228€; e Sur, a Construcciones Fechi SL por 595.975€. Contratos que entrarán en vigor no mes de novembro. A continuación, presentouse a modificación de crédito, a sexta do ano, por valor de 10,3M€ e financiada con aforro propio da Deputación. Uns recursos que se destinarán ao financiamento do proxecto de mellora da eficiencia enerxética dos edificios da Cidade Infantil de Príncipe Felipe valorados en 3,2M€, así como para o programa de conservación de firmes da rede viaria de titularidade provincial cun custo de 5,1M€; e 1,9M€ para sufragar convenios con concellos relacionados con infraestruturas viarias. Unha modificación aprobada grazas aos votos favorables dos deputados do Grupo Popular, coa abstención dos do Grupo Socialista e o voto en contra do Grupo do BNG.

Plan de Xuventude

Outro dos asuntos destacados da orde do día foi a aprobación, cos votos favorables dos deputados populares e socialistas, coa abstención dos nacionalistas, do primeiro Plan Estratéxico de Xuventude que aproba a Deputación de Pontevedra. Un documento que recibe luz verde despois de meses de traballo conxunto con colectivos de mozas e mozos de toda a provincia, un proceso de escoita e entendemento que se ve agora recollido nun plan que sitúa á xuventude no centro das políticas da Deputación en materias como a inserción laboral, o despoboamento das zonas rurais ou o benestar físico e emocional. Explicado polo deputado de Xuventude Jorge Cubela, o plan está estruturado en seis grandes eixos que outorgan ferramentas á mocidade para a emancipación, a participación e o desenvolvemento integral. A Deputación, pola súa banda, asume o papel de coordinar, apoiar e acompañar aos concellos para todos os mozos e mozas da provincia teñan as mesmas oportunidades.

Solicitude de novo trazado para a variante oeste de Caldas

Por unanimidade, logo de que o Grupo Popular aceptara unha modificación suxerida polo Grupo Socialista, foi aprobada a moción relativa ao proxecto da variante oeste de Caldas para solicitar ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable a redacción dun novo estudo para a construción desta variante en torno ás estradas N-640 e N-550, excluíndo o acceso ao Porto de Vilagarcía, que conteña alternativas de trazado que sexan aceptadas e non lesivas para a veciñanza. Do mesmo xeito foi aprobada a proposta do grupo socialista para apoiar a construción da residencia da Asociación Aceesca no Porriño.

Tamén recibiu luz verde, co voto dos deputados do grupo do goberno provincial e o rexeitamento dos grupos da oposición, a moción para pedir ao Ministerio de Seguridade Social que paralice a proposta de suba das cotizacións dos traballadores autónomos para o ano 2026 e abra unha mesa de diálogo cos representantes deste sector económico, así como reclamar a posta en marcha das medidas recollidas no Plan Integral de Autónomos proposto polo Partido Popular e amosar o apoio da Deputación aos máis de 68.000 traballadores por conta propia que hai na provincia no camiño para conseguir unha fiscalidade xusta e un maior nivel de protección e prestacións por parte do Goberno de España. Pola contra, foron rexeitadas as mocións do Grupo Socialista relacionadas coa mellora da EP-2702 en Pazos de Borbén e a do Grupo do BNG sobre o 25-N. 

Mellora das condicións laborais dos bombeiros

Do mesmo xeito, recibiu luz verde a modificación de créditos do Consorcio Provincial do Servizo contra Incendios e Salvamento por valor de 377.000€ que servirá para mellorar as condicións laborais do plantel de traballadores, uns fondos que se destinarán ao financiamento de horas extras, complementos persoais, ferramentas informáticas e outras melloras.

Outros asuntos da orde do día que saíron adiante foron a aprobación dos proxectos técnicos presentados polos concellos de Portas e Crecente ao programa PON2030, así como os de Oia e Forcarei ao Plan Extra. Os catro recibiron o apoio unánime da corporación provincial.

Publicacións Relacionadas