Veciños e veciñas de 21 concellos da provincia gozarán de estancias no Gran Talaso e no Hotel Carlos I Silgar de Sanxenxo, así como no Balneario de Mondariz, con actividades de ocio saudable e envellecemento activo
138 persoas de 21 concellos da provincia desfrutarán a partir deste domingo do programa de termalismo da Deputación de Pontevedra +Benestar con estadías no Gran Talaso e no Hotel Carlos I Silgar, ambos en Sanxenxo, e no Balneario de Mondariz. En concreto, trátase de veciños e veciñas dos concellos de Cambados, Cangas, Cerdedo-Cotobade, Covelo, A Estrada, Gondomar, A Guarda, Lalín, A Lama, Marín, Meis, Moraña, Mos, Nigrán, Poio, O Porriño, Pontevedra, Redondela, Tui, Vila de Cruces e Vilagarcía de Arousa.
Ao detalle, ata 57 persoas de Cerdedo-Cotobade, Covelo, A Estrada, A Guarda, Marín, Meis, Moraña, Nigrán, Pontevedra, Redondela, Vila de Cruces e Vilagarcía de Arousa desfrutarán de +Benestar no Gran Talaso de Sanxenxo, mentres que outras 45 de Cangas do Morrazo, Gondomar, A Guarda, Lalín, A Lama, Marín, Mos, Nigrán, Pontevedra, O Porriño, Redondela e Tui farán o propio no Hotel Carlos I Silgar, tamén en Sanxenxo. Pola súa banda, 36 persoas máis de Cambados, Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Marín, Poio, Pontevedra e Vilagarcía de Arousa gozarán das actividades deste programa provincial no Balneario de Mondariz.
No marco do programa de termalismo +Benestar, preto de 2.200 persoas de máis de 55 anos de 60 concellos da provincia pasarán seis días e cinco noites en balnearios, talasos ou spas de Sanxenxo, Mondariz, O Grove e Lalín. A Deputación de Pontevedra pretende con esta iniciativa facilitar aos veciños da provincia o acceso a actividades de ocio saudable e envellecemento activo en establecementos hostaleiros e, ao mesmo tempo, dinamizar a economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade.
O organismo provincial subvenciona as prazas de réxime xeral con 100 €, mentres que as de réxime especial están subvencionadas con 400 €, e os usuarios deben facerse cargo da cantidade restante. Ademais da estadía, o paquete de +Benestar comprende a pensión completa, o uso do spa, do balneario ou doutras instalacións de características similares un mínimo de dúas horas ao día, e tamén o traslado de ida e volta en autobús aos establecementos desde os concellos de Vigo ou Pontevedra.



