O primeiro tenente de alcaldesa, José Manuel Lage, presidiu o acto e destacou sobre os homenaxeados “a liberdade, a curiosidade e o saber, a creatividade e o compromiso: valores que tamén definen á Coruña”
O Cemiterio de Santo Amaro acolleu este sábado o tradicional acto municipal do Día de Todos os Santos, organizado polo Concello da Coruña para honrar a memoria das persoas que forman parte da historia e da identidade da cidade.
Este ano o Goberno de Inés Rey rendeulle homenaxe a Juana de Vega, Víctor López Seoane e Luís Huici Fernández, tres figuras que representan —en palabras do tenente de alcaldesa, José Manuel Lage— “a liberdade, a curiosidade e o saber, a creatividade e o compromiso: valores que tamén definen á Coruña”.
Durante a súa intervención, Lage destacou o simbolismo das tres figuras homenaxeadas.
De Juana de Vega, subliñou “a forza da palabra, o valor da educación e a fe na xustiza social e na igualdade”; de Víctor López Seoane, o seu “amor profundo pola natureza e pola terra” e a súa visión pioneira dunha Galicia científica e moderna; e de Luís Huici Fernández, “a defensa da arte como liberdade, como busca de verdade e como creación sen servidumes”, lembrando ademais que participou “no primeiro gran acto pro autonomía de Galicia, celebrado en dous lugares diferentes, mais os dous na Coruña, exemplo de que esta cidade foi, é e seguirá sendo a capital do galeguismo”.
Nun acto que contou coa asistencia de diversos membros do Goberno municipal, o tenente de alcaldesa lembrou que “Santo Amaro é un espazo de silencio e memoria, onde repousan non só as almas, senón tamén as páxinas da nosa historia”. Engadiu que este acto anual “non é só un tributo aos nosos veciños máis ilustres, senón tamén un exercicio de reparación e de xustiza para quen foron esquecidos durante moito tempo”.
O acto comezou coa tradicional ofrenda floral na Cruz dos Esquecidos, coa interpretación da Coral Follas Novas, e continuou coas ofrendas ante as sepulturas das tres personalidades homenaxeadas. A cerimonia rematou cunha ofrenda floral no Monumento aos Mártires pola Liberdade, en lembranza de todas as vítimas da represión franquista e das persoas que loitaron por unha sociedade máis libre e igualitaria.
O acto contou coa presenza do presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, de familiares de Víctor López Seoane e de Luís Huici Fernández, da membro da Xunta Directiva da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, Beatriz Gómez Amigo, e da directora do Instituto José Cornide, Ana Romero Masiá, depositario do legado de López Seoane, entre outras persoas vinculadas ás tres figuras homenaxeadas.



