• O goberno local lanza un ano máis unha iniciativa de axuda para que ningún neno quede sen agasallo en Nadal.
• O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o próximo 28 de novembro de 2025.
O Concello de Ortigueira abre mañá, 3 de novembro, o prazo de solicitudes para o programa de ‘Agasallos de Nadal 2025’, unha iniciativa orientada a proporcionar agasallos de Nadal a familias con menores con baixos recursos.
Este programa está dirixido a aquelas familias de Ortigueira con fillos menores de 15 anos, ou con menores de ata 19 anos en caso de discapacidade, e cunha renda ponderada que non supere certos limiares establecidos en función da composición familiar.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o próximo 28 de novembro de 2025. As familias interesadas deben dirixirse aos Servizos Sociais Municipais para obter toda a información necesaria e poden entregar as súas solicitudes na Oficina do Rexistro Xeral do Concello.
O alcalde, Valentín Calvín, destaca a importancia deste programa nestas datas e a través do cal “queremos axudar e poñer o noso granito de area para que todas as familias de Ortigueira poidan gozar dunhas festas do Nadal”.
“Esta iniciativa é unha mostra do noso compromiso con quen máis o necesitan. As familias con fillos son unha prioridade para este grupo de goberno e, por iso, queremos que todos os nenos e nenas de Ortigueira poidan ter un detalle nestas datas tan significativas”, concluíu.
O programa de Agasallos de Nadal 2025 do Concello de Ortigueira establece límites de ingresos diferenciados segundo o tipo de familia. Para unha familia monoparental cun ou dous fillos ou unha parella cun fillo, o límite de renda máxima mensual ponderada é de 1.776,00 euros, e o límite de renda anual é de 24.864,00 euros.
Para unha familia monoparental con tres fillos ou unha parella con dous fillos, os ingresos mensuais ponderados non deben superar os 1.869,47 euros, cun tope anual de 26.172,63 euros. No caso dunha parella con tres fillos, o límite de ingresos mensuais ponderados é de 1.973,00 euros, mentres que o anual ascende a 27.626,67 euros.
Para unha parella con catro fillos, os ingresos mensuais poden chegar a 2.089,41 euros, cun máximo anual de 29.251,76 euros. Se a familia é unha parella con cinco fillos, o límite mensual ponderado de ingresos é de 2.220,00 euros, e o anual é de 31.080,00 euros.
Finalmente, para as familias de parella con máis de cinco fillos, o programa establece un límite de renda mensual de 2.368,00 euros e un máximo anual de 33.152,00 euros. Estes criterios permiten adaptar o apoio do programa ás diversas estruturas familiares do municipio.
Para máis información, as persoas interesadas poden contactar cos Servizos Sociais Municipais a través do teléfono 981 400 000.



