Unha das principais novidades é o reforzo do deporte base, feminino e de persoas con discapacidade que multiplican o seu valor por 1,5.
Os bos datos de 2024 xustifican este incremento: 8.120 licenzas de 55 clubs, 174 chamamentos a incorporación a seleccións, cada euro municipal investido supón un retorno para a sociedade de 13,9 euros, o investimento dos clubs en 2024 foi de 4,1 millóns de euros.
A concelleira de Deportes, Anabel Gulías explicou que o propósito é “chegar máis e mellor ao deporte base, onde está a raíz do noso deporte”.
A Xunta de Goberno Local aprobou esta semana a convocatoria de subvencións anual de deportes para o ano 2025, unha liña de axudas para fomentar a práctica deportiva e a participación en competicións oficiais dos clubs federados locais. Nesta ocasión, a liña de axudas incrementa nun 10% e sitúase nos 330.000 euros (en 2024 foi de 300.000 euros) co propósito de “chegar máis e mellor ao deporte base onde está a raíz do noso deporte”, en palabras da concelleira de Deportes, Anabel Gulías.
Unha das principais novidades da convocatoria é o reforzo do deporte de base, feminino e de persoas con discapacidade. As licenzas nestas categorías multiplican agora o seu valor por 1,5 na valoración das entidades, promovendo así a igualdade e o deporte inclusivo.
Ademais, o Concello busca garantir a seguridade e a formación do persoal: “esta liña garante que calquera nena e neno con ilusión por competir poida facelo con adestradores formados e en contornas seguras”, indicou a concelleira de Deportes. Para iso, a convocatoria introduce o Protocolo de protección da infancia no deporte que esixe a designación obrigatoria dunha delegada ou delegado de protección inscrito no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.
Igualmente, a convocatoria de 2025 incorpora melloras técnicas, de control e de transparencia. Tamén inclúe a posibilidade de ampliación automática do crédito se existe dispoñibilidade orzamentaria sen ter que facer unha nova convocatoria coa conseguinte demora temporal, outorgando maior flexibilidade ante o crecemento das entidades deportivas.
O Concello xustifica o reforzo desta liña de axudas polos bos resultados obtidos en 2024, que demostran o alto retorno social e económico do investimento:
- As axudas apoian un total de 55 clubs, que suman 8.120 licenzas federativas, das cales preto do 71 % son de deporte base.
- O orzamento mobilizado polos clubs ascendeu a 4,17 millóns de euros en gastos, demostrando que o deporte tamén emprego, compras e servizos na cidade.
- Cada 1 € municipal da convocatoria anual de 2024 mobiliza aproximadamente 13,9 € de actividade deportiva e económica nos clubs, o que supón un alto retorno social.
- Grazas a esta actividade, Pontevedra consolida un ecosistema deportivo que xera preto de 39 ETP (equivalentes a empregos técnicos a tempo completo) e proxecta o nome da cidade a nivel estatal: en 2024, os clubs percorreron 503.001 km en competicións oficiais.
- En 2024 rexistráronse 174 chamamentos a seleccións (144 galegas e 30 españolas), un indicador do talento pontevedrés que confirma a relevancia do apoio municipal.
A concelleira Anabel Gulías lembra que “a convocatoria das axudas anuais a clubs cumpre. Supón máis deporte de base, máis calidade e máis retorno local. É un investimento que coida a saúde, educa en valores e xera economía en Pontevedra. Reforzámolo en 2025 para seguir medrando dende a base”.



