A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, e a responsable de Infraestruturas da institución provincial, Belén Cachafeiro, comprometeron á veciñanza de Bembrive a mellora das beirarrúas situadas no treito non urbano da estrada EP-2001, que conecta o barrio do Calvario e A Garrida, en Vigo.
Durante unha visita á zona, tamén valoraron a posibilidade de completar o itinerario peonil entre Bembrive e Beade nos treitos non urbanos, competencia da Deputación. Así, avanzaron a encomenda dun proxecto para analizar a viabilidade desta mellora naqueles puntos onde non existan beirarrúas. “Con estas medidas procuramos optimizar a seguridade viaria nesta estrada que serve de enlace entre dúas importantes parroquias de Vigo”, sinalou Luisa Sánchez.



