HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación acolle na Aula CeMIT dous obradoiros formativos en competencias dixitais

A Deputación acolle na Aula CeMIT dous obradoiros formativos en competencias dixitais

- Anuncio -spot_img

Xa está aberto o prazo de inscrición para asistir a estas actividades, que terán lugar entre o 10 e o 20 de novembro centradas na intelixencia artificial e nas compras en liña

A Deputación de Pontevedra organiza entre o 10 e o 20 de novembro dous obradoiros formativos en competencias dixitais que terán lugar de forma presencial na Aula CeMIT, situada no Edificio Administrativo da Deputación na cidade de Pontevedra. As accións forman parte do programa YoConecto promovido pola Fundación Cibervoluntarios, con 20 prazas dispoñibles para cada unha. Os participantes recibirán cadanseu certificado oficial ao seu remate.

O primeiro curso, “Crea contido con intelixencia artificial”, está dirixido a persoas de 18 a 59 anos de idade e celebrarase do 10 ao 13 de novembro a partir das 10:00 horas. Nel, os participantes poderán aprender a empregar diferentes ferramentas de intelixencia artificial para crear imaxes, vídeos, etcétera. A segunda actividade formativa, “A túa banca dixital. Compras seguras en liña”, está dirixida a persoas maiores de 60 anos e celebrarase do 17 ao 20 de novembro tamén a partir das 10:00 horas. Entre os contidos da formación abordaranse diferentes aspectos sobre a banca en liña e o seu uso, compras e certificados dixitais, entre outros. As inscricións para os dous obradoiros xa están abertas e poden realizarse a través do sitio web da Aula CeMIT.

YoConecto é un proxecto que impulsa a formación de balde en competencias dixitais básicas, adaptada a distintos niveis e públicos. A través destas formacións búscase favorecer a inclusión dixital, reducir a fenda dixital e xerar novas oportunidades persoais, sociais e profesionais. As persoas participantes aprenderán a desenvolverse con seguridade nas contornas dixitais, realizar xestións en liña, comunicarse a través de diferentes medios e incorporar ferramentas dixitais na súa vida cotiá. Estas actuacións forman parte da iniciativa Generación D, impulsada por Red.es, e están financiadas polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia a través dos fondos Next Generation.

Publicacións Relacionadas