HomeXunta de GaliciaFabiola García pon en valor as iniciativas de envellecemento activo como benestar...

Fabiola García pon en valor as iniciativas de envellecemento activo como benestar en balnearios que son un referente de Galicia Calidade

- Anuncio -spot_img
  • Fabiola García destacou que máis de 1.270 persoas se benefician este ano deste programa impulsado pola Xunta
  • A conselleira de Política Social e Igualdade avanzou que o próximo ano o Goberno galego seguirá apostando por esta iniciativa

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou esta mañá a un grupo de beneficiarios do programa Benestar en Balnearios que chegaron hoxe ás termas de Cuntis para desfrutar dunha estadía de dez días neste complexo. Durante o percorrido, puxo en valor esta iniciativa de envellecemento activo e que é un referente da Galicia Calidade que busca garantir sempre o mellor para todos os galegos, teñan a idade que teñan.

Fabiola García lembrou que este ano máis de 1.270 persoas se benefician deste programa que se desenvolve en 16 establecementos da comunidade en réxime de pensión completa durante dez días. Este ano – lembrou- son 66 as quendas establecidas, unha medida que permite que esta iniciativa chegue a máis usuarios. O obxectivo – dixo- é que as persoas maiores de 60 anos teñan a posibilidade de desfrutar duns días de descanso, lecer e sáude.

A Xunta aposta por esta iniciativa cada ano para fomentar un envellecemento activo entre os maiores e evitar as situacións de demencia e dependencia, ao tempo que se promove a súa socialización e as experiencias interxeracionais. Por iso, a conselleira avanzou que o próximo ano o Goberno galego seguirá adiante con este programa para o que xa ten reservado nos seus orzamentos máis de 300.000 euros.

Neste senso, fixo fincapé en que Benestar en Balnearios non é só un programa para os maiores, é unha dinamización das reservas de augas mineromedicinais e dos servizos de proximidade, polo que – recalcou- esta iniciativa é sen dúbida un emblema máis da Galicia Calidade que nos define.

Publicacións Relacionadas