HomeA CoruñaA CoruñaA Coruña consolídase como referencia do cinema de autor coa sexta edición...

A Coruña consolídase como referencia do cinema de autor coa sexta edición do Cormorán Film Fest

- Anuncio -spot_img

O festival celebrarase do 13 ao 23 de novembro con proxeccións, encontros e obradoiros que poñen en valor o cinema narrativo, reflexivo e de autor

A cidade da Coruña acolle un ano máis o Cormorán Film Fest, festival internacional de cinema que celebra a súa sexta edición entre os días 13 e 23 de novembro, consolidado como un referente no panorama galego e estatal do cinema de autor. O evento presentouse esta mañá no Teatro Colón, nun acto que contou coa participación do concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro, quen puxo en valor “a aposta decidida do Concello por proxectos culturais que conectan coa realidade social e que fan da Coruña unha cidade audiovisual referente no Estado”.

Durante a súa intervención, o concelleiro destacou que “nun contexto no que o espírito crítico parece estar en risco, experiencias como o Cormorán Film Fest son fundamentais para construír unha sociedade máis consciente e creativa”, subliñando o compromiso do Goberno de Inés Rey con iniciativas culturais que achegan valor engadido á cidade.

A programación do festival inclúe 11 filmes na Selección Oficial, con tres estreas nacionais e seis galegas, así como dúas sesións de curtas, tres proxeccións especiais, dúas CormoCharlas con cineastas internacionais e dous obradoiros creativos. Ademais, nesta edición o festival lanza o seu primeiro fanzine, con máis de 60 páxinas de contido editorial e artístico que prolonga o diálogo co público máis alá das pantallas.

Entre as persoas convidadas nesta edición destacan Amalia Ulman, Constantine Costi e Julius Krebs Damsbo, así como o galego Lois Patiño ou a xornalista Patricia Simón, que participarán nas CormoCharlas e nos encontros co público.

Na rolda de prensa, Manuel Lógar, director do festival, reivindicou “un cinema que convida á pausa, á emoción e á reflexión, afastado do ruído e do consumo rápido”. Pola súa banda, Sara Pérez, responsable da identidade visual do festival, destacou o carácter “firme, recoñecible e emocional” da nova imaxe gráfica da edición, inspirada nas cores e formas do cormorán, a ave que dá nome ao festival.

O festival, que conta co apoio do Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, ABANCA, a Fundación Luis Seoane e a Universidade Internacional, aspira a seguir fortalecendo a súa comunidade cinéfila e consolidar a cidade como espazo de encontro arredor do cinema contemporáneo.

A programación completa está dispoñible na web oficial: cormorancinema.gal

Publicacións Relacionadas