HomePontevedraO Concello impulsa a quinta edición de Pontevedra Rodando, que volve achegar...

O Concello impulsa a quinta edición de Pontevedra Rodando, que volve achegar o audiovisual á cidadanía dende o 27 de novembro

- Anuncio -spot_img

A concelleira de Promoción Económica destacou que o obradoiro pretende fomentar a aprendizaxe e o talento local nun sector relacionado con moitas áreas relevantes da cidade

É posíbel anotarse a todos os obradoiros de balde a través do enderezo electrónico volvemosaprimeraproducciones@gmail.com ou do teléfono de contacto 654 63 15 55

O Concello de Pontevedra, a través da área de Promoción Económica, presentou hoxe a quinta edición de Pontevedra Rodando, o obradoiro audiovisual de balde que regresa despois dun parón de cinco anos co obxectivo de achegar o cinema e a creación audiovisual a persoas de todas as idades. Ademais, esta edición prestará especial atención aos Premios Feroz do audiovisual que se entregarán en Pontevedra o vindeiro mes de xaneiro.

A edil de Promoción Económica, Anabel Gulías, salientou o apoio do Concello a todas aquelas iniciativas que xeran talento, formación e oportunidades profesionais na cidade. Fíxoo acompañada de Pablo Cacheda, director do curso e responsable de Volvemos a Primera Producciones Audiovisuales.

A concelleira subliñou que “con Pontevedra Rodando seguimos a apostar pola economía creativa como un piar fundamental do noso modelo de cidade. Queremos que Pontevedra sexa tamén un espazo para aprender, experimentar e crear, ofrecendo formación aberta e gratuíta en sectores emerxentes e que teñen gran relación coa oferta universitaria desta cidade, así como con moitos negocios relacionados co audiovisual. Non só é importante que Pontevedra continúe a facerse un oco como escenario de múltiples producións de aquí e de fóra, tamén queremos achegar á cidadanía en xeral a oportunidade de aprender de cinema, de suxeitar unha cámara ou de participar na elaboración dun guion na súa propia cidade”.

O obradoiro desenvolverase do 27 de novembro ao 23 de decembro, con cinco sesións teórico-prácticas que se celebrarán na Casa da Luz e no Mercado de Abastos, os días 28 de novembro, 4, 10, 11 e 18 de decembro, en horario de 17.00 a 20.00.

Durante o curso, as persoas participantes poderán aprender conceptos básicos de gravación, son, montaxe e actuación ante a cámara, así como o uso de ferramentas de intelixencia artificial aplicadas á creación audiovisual. A actividade culminará coa rodaxe dun proxecto final colectivo, que se presentará publicamente.

O programa está dirixido a todas as persoas a partir dos 13 anos de idade, e conta con 25 prazas, que se cubrirán por orde de inscrición. As inscricións pódense realizar a través do correo volvemosaprimeraproducciones@gmail.com ou do teléfono 654 63 15 55.

Publicacións Relacionadas