HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación de Pontevedra e Vilagarcía de Arousa avanzan na mellora do...

A Deputación de Pontevedra e Vilagarcía de Arousa avanzan na mellora do firme na rúa Fontecarmoa e as travesías Rosalía de Castro

- Anuncio -spot_img

O deputado provincial Javier Tourís asistiu este luns ao acto de comprobación do replanteo das obras, que recibiron máis de 60.000 € a través do Plan +Provincia

A Deputación de Pontevedra investiu preto de 3 millóns de euros na mellora do pavillón e das instalacións deportivas de Fontecarmoa baixo o goberno de Luis López

O deputado provincial Javier Tourís asistiu este luns en Vilagarcía de Arousa ao acto de comprobación do replanteo das obras de mellora do firme que se acometerán na rúa Fontecarmoa e dous tramos das travesías Rosalía de Castro, no Carril, que se iniciarán de maneira inminente. Para a súa execución, o organismo provincial aprobou unha achega de 61.000 € con cargo á liña de investimentos do Plan +Provincia, coa que se vai financiar a actuación practicamente de xeito íntegro.

O deputado provincial deu conta dos traballos que se realizarán con estes recursos, que permitirán ao Concello de Vilagarcía de Arousa mellorar a capa de rodadura da rúa Fontecarmoa e de dous tramos das travesías Rosalía de Castro (O Carril), realizando un fresado previo nas zonas nas que non se pode elevar a rasante da vía. A actuación contempla a limpeza e rozadura do camiño, o barrido por medios mecánicos, a execución da nova capa de rodadura, o recalce das tapas de rexistro a rasante da vía, a execución de dous redutores da velocidade e a reposición da sinalización horizontal e vertical, así como das marcas viarias.

Tourís lembrou que neste 2025 Vilagarcía de Arousa recibiu 1,5 millóns de euros a través do Plan +Provincia da Deputación e puxo en valor este programa que “representa o municipalismo, que non é outra cousa que o motor do goberno provincial: escoitar, entender e atender para dar resposta ás demandas dos concellos”. Ademais, o deputado provincial asegurou que “plans como este permiten que concellos como Vilagarcía de Arousa poidan afrontar investimentos e impulsar actuacións transformadoras que melloran a calidade de vida da veciñanza”.

Preto de 3 millóns para o pavillón e as instalacións deportivas de Fontecarmoa

Estas obras teñen especial relevancia tendo en conta a proximidade das instalacións deportivas de Fontecarmoa. Desde que Luis López goberna na Deputación de Pontevedra investíronse preto de 3 millóns de euros na mellora do pavillón e das instalacións deportivas de Fontecarmoa. En concreto, destináronse xa 2,1 millóns de euros para a ampliación das piscinas, preto de 425.400 euros para o acondicionamento do interior do pavillón e máis de 164.000 euros para a reforma da pista de atletismo. Ademais, tamén se aprobaron preto de 96.000 euros para o saneamento do camiño da Regueira que conduce a Fontecarmoa, outros preto de 60.000 euros para a instalación de dúas pantallas LED e preto de 8.000 € para instalar butacas no pavillón.

Publicacións Relacionadas