“Non se pode acusar á Deputación de non investir en Pontevedra e, ao mesmo tempo, votar en contra dos investimentos máis importantes para a cidade”, advirte o vicepresidente provincial
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, pediu hoxe “coherencia” ao BNG e a Miguel Anxo Fernández Lores, despois de que o grupo nacionalista votase en contra da modificación de crédito que inclúe a maior inversión da historia do Centro Príncipe Felipe: 3,6 millóns de euros destinados a mellorar a eficiencia enerxética e as condicións do edificio principal.
“Atopámonos coa sorpresa de que o señor Mosquera e o BNG votaron en contra dunha inversión que é claramente unha mellora para a cidade de Pontevedra”, sinalou Domínguez. “Por iso pedímoslles un pouco de coherencia: non se pode estar reclamando máis inversión en Pontevedra e, cando chega, opoñerse a ela.”
O vicepresidente lembrou que esta actuación forma parte do plan global de modernización de Príncipe Felipe, que xa suma máis de 5 millóns de euros, coa redacción do proxecto de reforma integral do pavillón deportivo, dotado con 1,4 millóns de euros adicionais.
Domínguez subliñou que a inversión no complexo educativo e social de Príncipe Felipe é “unha aposta clara polas persoas, pola educación e polo futuro da cidade”.
“Príncipe Felipe é unha prioridade para esta Deputación e un símbolo da nosa política social. Cada euro investido aquí repercute directamente en Pontevedra e nas centos de familias que dependen deste centro”, afirmou.
O vicepresidente insistiu ademais en que o goberno provincial está a realizar a maior inversión da historia da Deputación na cidade de Pontevedra, con proxectos que superan os 37 millóns de euros en só dous anos, e pediu ao BNG que “deixe de torpedear o traballo e se sume ao esforzo por construír unha Pontevedra mellor”.
“Non se trata de facer política con titulares, senón de traballar polos veciños. Desde a Deputación estamos a cumprir con Pontevedra, con feitos, con obras e con resultados”, concluíu Domínguez.



