HomePontevedraBaixo MiñoO Rosal mergúllase nas raíces do seu patrimonio barroco

O Rosal mergúllase nas raíces do seu patrimonio barroco

- Anuncio -spot_img

Dentro das Xornadas do Patrimonio, a historiadora da arte Noa Rodríguez afondará este venres 7 (20h) nas orixes e conexións artísticas do centenario retablo barroco de Santa Mariña do Rosal

O eco do barroco volve soar entre os muros da igrexa de Santa Mariña do Rosal. As Xornadas do Patrimonio regresan esta fin de semana para convidar a viaxar no tempo e descubrir as historias que a madeira e o ouro gardan dende hai século coa charla ‘Orixe e xenealoxías artísticas do retablo barroco de Santa Mariña do Rosal’. Un encontro coa historiadora da arte e investigadora predoutoral da Universidade de Santiago de Compostela Noa Rodríguez na que ofrecerá unha charla divulgativa e rigorosa para comprender o contexto cultural e artístico que deu forma a este singular exemplar do barroco galego con máis de 300 anos de historia.
A través desta auténtica xoia do patrimonio local, este venres 7 de novembro ás 20.00 horas, a historiadora levará ao público asistente a explorar as conexións artísticas entre Galicia e o norte de Portugal no século XVIII, así como as relacións cos obradoiros de Barcelos e cos conxuntos retablísticos de Caminha, evidenciando unha identidade compartida e un diálogo artístico transfronteirizo que marcou a historia cultural da nosa comarca.
Durante este encontro a rosaleira Noa Rodríguez dará algúns detalles da investigación qie se está a facer sobre o retablo barroco da igrexa de Santa Mariña froito do convenio que o Concello asinou coa Universidade de Santiago de Compostela, unha alianza estratéxica coa que se está a afondar no valor artístico e documental desta peza relixiosa da que aínda se descoñecen datos clave.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, subliñou a importancia de coñecer ”a historia do noso retablo, que é tamén a historia das conexións humanas e culturais que nos unen con Portugal” e salientou o valor destas xornadas como espazo de encontro e coñecemento. “O patrimonio é moito máis que pedra e madeira: é a pegada do que fomos e a inspiración do que queremos ser. Con estas xornadas seguimos tecendo pontes entre pasado e futuro, entre o Rosal e o mundo que o rodea”, resaltou.
Con esta nova cita as Xornadas do Patrimonio continúan co seu compromiso coa divulgación e posta en valor do legado histórico, artístico e cultural do municipio, ofrecendo actividades abertas a todos os públicos e con especialistas galegos de prestixio que contribúen a facer da cultura un espazo vivo, participativo e compartido.

Publicacións Relacionadas