HomeVigoMosO Concello de Mos conmemora o 25N cunha ampla programación para facer...

O Concello de Mos conmemora o 25N cunha ampla programación para facer visibles as violencias invisibles

- Anuncio -spot_img

O Concello de Mos presentou a programación das actividades conmemorativas do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que este ano levarán por lema “Abre os ollos ás violencias invisibles”. A campaña busca sensibilizar á veciñanza sobre aquelas formas de violencia máis sutís pero igualmente prexudiciais, como o control do móbil, os celos, ou a violencia psicolóxica e económica.

Durante o mes de novembro desenvolveranse diferentes accións de sensibilización, formación e participación cidadá, dirixidas tanto á comunidade educativa como á poboación xeral e ao persoal municipal e que foron expostos durante o pleno ordinario celebrado esta mañá no Pazo de Mos, onde o Grupo de Teatro Mulleres en Igualdade foi o encargado de ler o manifesto institucional do Concello de Mos polo 25N.

Ademais da reunión da Mesa Local contra a Violencia de Xénero, os días mércores 19 e venres 21 de novembro celebrarase no IES de Mos o Foro-debate “Hai saída grazas a ti”, unha actividade da Dirección Xeral contra a Violencia de Xénero destinada ao alumnado de 3º da ESO.

O martes 25 de novembro terá lugar o acto central da campaña, cun obradoiro de sensibilización para o alumnado de 1º e 2º da ESO do IES de Mos. Ao remate, realizarase no Pazo de Mos un mural colectivo de 25 metros no que participarán estudantes e veciñanza, con debuxos e mensaxes contra a violencia machista. Ás 12:00 horas procederase á lectura do Manifesto Institucional e ao minuto de silencio polas vítimas.

O xoves 27 de novembro celebrarase unha xornada de formación para o persoal municipal, centrada no uso da linguaxe inclusiva e non sexista e no protocolo de actuación ante posibles situacións de violencia de xénero. A formación desenvolverase en dúas quendas (de 9:30 a 11:30 e de 12:00 a 14:00) para garantir a atención ao público durante toda a mañá.

Xa o sábado 29 de novembro, o Centro Dotacional de Torroso acollerá ás 20:00 horas a representación teatral “Sophie non é o meu nome de guerra”, da compañía Redrum Teatro, unha proposta escénica de gran carga emotiva que convida á reflexión sobre a violencia e a identidade.

Como accións visuais da campaña, colocaranse bandeirolas con imaxes alusivas ás “violencias invisibles” nas principais zonas do municipio —con especial presenza en Puxeiros e As Angustias, e tamén nas distintas parroquias—. Ademais, realizarase unha performance artística coa mensaxe “Abre os ollos ás violencias invisibles”, na que se empregarán cintas tipo policial para simbolizar o lazo que une e sostén á sociedade na loita contra a violencia de xénero.

Deste xeito, o Concello de Mos reafirma o seu compromiso coa igualdade, a prevención e a erradicación de todas as formas de violencia contra as mulleres, convidando á cidadanía a implicarse activamente nesta causa común.

Publicacións Relacionadas