HomePontevedraBaixo MiñoTomiño énchese de libros, teatro e aventura esta fin de semana

Tomiño énchese de libros, teatro e aventura esta fin de semana

- Anuncio -spot_img

Biblioutono, comedias familiares e teatro para adultos conforman unha programación diversa que anima a toda a veciñanza a desfrutar da cultura este 8 e 9 de novembro

A cultura volve ser protagonista en Tomiño esta fin de semana cunha programación que combina lectura, teatro e aventuras para todas as idades. Desde o Biblioutono ata as obras máis trepidantes no Auditorio Municipal, o municipio convértese nun centro de encontro e desfrute cultural.

O sábado 8 de novembro ás 12.00 h no Espazo Isaura Gómez, a programación familiar do Biblioutono volve coa visita de Os Bolechas, que acompañarán a Pepe Carreiro na presentación do seu libro “Os Bolechas coñecen o espazo Isaura Gómez”. A actividade, con entrada libre, permitirá á cativada coñecer de primeira man o mundo destes entrañables personaxes e explorar a lectura de forma lúdica.

Pola noite, o teatro toma o relevo no Auditorio Municipal. Ás 21.00 h, chega a obra “Go Home”, de Etiqueta Negra, unha proposta comprometida coa realidade que narra a historia de David, un fanático das viaxes que experimentou todas as aventuras que as axencias de turismo lle ofrecían… todas agás unha. Un relato que invita á reflexión sobre as emocións, a identidade e o mundo que nos rodea. O espectáculo, dirixido a público adulto, terá unha entrada de 5 €.

O domingo 9 ás 17.30 h, a programación familiar continúa coa comedia de aventuras “A Biblioteca Galáctica”, de Tanxarina. O rato Ramón Lamote e Sara deberán enfrontarse ao malvado profesor Smith e á súa IA para salvar aos personaxes infantís da biblioteca. A obra, que combina humor, música e acción, destaca a importancia da amizade, a lectura e a imaxinación fronte á tecnoloxía. Durante o espectáculo, repartirase de balde 200 libros entre a cativada asistente. A entrada terá un custo de 3 €.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que “programacións coma esta demostran que a cultura en Tomiño é para todos. Dende a cativada que coñece a Os Bolechas ata o público adulto que reflexiona coa obra de teatro, a nosa intención é seguir facendo da cultura unha ferramenta de encontro, educación e lecer para toda a comunidade”.

Publicacións Relacionadas