O Concello de Mos acordou en Pleno a aprobación definitiva da resolución por mutuo acordo do contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) coa empresa Serveo, actual adxudicataria, co obxectivo de garantir un servizo estable, digno e de calidade ás persoas usuarias e ás súas familias.
Desde o inicio da prestación, o Concello recibiu numerosas queixas por parte dos usuarios e usuarias. En total, 87 persoas manifestaron incidencias, das cales 35 formalizáronse por escrito e 10 quedaron rexistradas oficialmente, motivando a apertura do expediente de resolución.
Entre os incumprimentos detectados atópanse a falta dunha coordinadora (só dúas en lugar das tres obrigatorias), problemas na tramitación de altas e baixas, incumprimentos de horarios, deficiencias organizativas e fallos na calidade da atención.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destaca que se trata dunha decisión “tomada con responsabilidade e firmeza, pensando unicamente nas persoas máis vulnerables”.
“O Servizo de Axuda no Fogar non é un negocio, é un servizo esencial. E cando unha empresa non cumpre, temos a obriga de actuar con rigor. En Mos quen non cumpre coas persoas, non ten cabida”, afirmou a rexedora.
A resolución por mutuo acordo permitirá axilizar os prazos e garantir a continuidade do servizo sen interrupcións mentres se tramita a nova licitación. Serveo Social comprométese a manter a atención ata o momento do traspaso ordenado á nova empresa, que asumirá temporalmente o servizo mediante un contrato ponte.
O acordo inclúe tamén a devolución da garantía definitiva depositada pola empresa, por importe de 142.329 euros, que será reintegrada no prazo máximo de dez días desde o remate do contrato.
Durante este período, o Concello de Mos coordinará co contratista o traspaso completo dos datos dos traballadores e usuarios, así como das axudas técnicas e planificacións de atención, para asegurar unha transición sen afectación ás familias.
Pola súa banda, o Concello de Mos traballa xa na definición dun novo modelo de xestión do SAF, que incluirá melloras concretas: reforzo da coordinación (mínimo tres coordinadoras), formación continua do persoal, tramitación máis áxil de altas, baixas e incidencias, seguimento da calidade e satisfacción das familias, protocolos claros de atención e resposta ante emerxencias.
Paralelamente, o Concello de Mos está en contacto con varias empresas do sector solicitando referencias e informes de solvencia técnica e social para garantir a mellor opción no contrato ponte.
Compromiso coas persoas
A alcaldesa subliñou que ningunha persoa usuaria quedará desatendida: “As familias poden ter a tranquilidade de que o Concello de Mos está a traballar dende o primeiro momento para garantir a continuidade e a mellora dun servizo tan sensible e importante. Se algo non funciona, cámbiase. E hoxe comezamos ese cambio”.
        


