A alcaldesa do Concello de Ponteareas, Nava Castro, e o concelleiro de Residuos Sólidos Urbanos, Limpeza Viaria, Réxime Interior e Persoal, Jesús Manuel Cao, visitaron esta mañá a carpa informativa instalada na Praza de Bugallal con motivo do arranque da campaña “Ti Tes a Chave”, unha iniciativa que busca promover a correcta separación da materia orgánica no colector marrón.
Durante a visita, comprobaron de primeira man o interese e a boa acollida da cidadanía, que se achegou para recibir información e recoller o seu kit de benvida, que inclúe a tarxeta de apertura dos colectores e material divulgativo.
O concelleiro Jesús Manuel Cao subliñou que “a xestión responsable dos residuos é unha tarefa compartida entre administración e veciñanza. Por iso queremos facilitar que cada fogar poida participar activamente neste proceso”.
Segundo destacou a alcaldesa, “esta campaña é un paso máis no compromiso de Ponteareas coa sostibilidade e coa economía circular. Separar ben os residuos orgánicos é fundamental para reducir o lixo e transformar os biorresiduos en recursos útiles”.
A campaña continuará esta tarde na rúa Roxelio Groba, de 15:30 horas a 18:30 horas, e o mércores estarán de 10:30 a 13:30 horas no Mercado Municipal.
Nas vindeiras semanas haberá novas accións informativas en diferentes puntos do municipio desta campaña, que conta co apoio da Xunta de Galicia e dos fondos Next Generation EU.

                                    

