HomePontevedraSobre a sentenza do TSXG en relación ao concerto de Guns N’...

Sobre a sentenza do TSXG en relación ao concerto de Guns N’ Roses

- Anuncio -spot_img

Coñecida a sentenza emitida polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) en relación ao recurso formulado polo Concello de Vigo en contra da sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Vigo, que condenaba a administración municipal a abonar á promotora do concerto de Guns N’ Roses (celebrado na nosa cidade o 12 de xuño de 2023) case 2 millóns de euros, desde o Bloque Nacionalista Galego queremos facer unha primeira valoración pública:

1.     A sentenza do TSXG, nas súas 54 páxinas de extensión, non contradí a existencia de prácticas irregulares ao marxe do marco legal en materia de contratación pública por parte do Goberno municipal de Vigo en relación á promoción dese concerto, e que ficaron acreditadas de maneira rotunda e incontestábel como feitos probados na sentenza do Xulgado Contencioso-Administrativo número 2 de Vigo. Ao contrario, o fallo do Tribunal Superior non só non refuta os reproches da sentenza orixinal en contra da actuación irregular do Concello senón que confirma a existencia dunha “vida negocional previa” (sic), ao marxe dos procedementos regrados, entre o Goberno presidido por Abel Caballero e as empresas promotoras do concerto (Sweet Nocturna e LiveNation). De feito reprocha á promotora ter falseado a súa DEUC (declaración contractual) cando acudiu ao presunto concurso para o patrocinio publicitario ao non recoñecer a súa “participación, directa ou indirecta, na preparación do presente procedemento de contratación” (sic).

2.     O fallo do TSXG que revoga a sentenza condenatoria, aínda sen ser firme (admite recurso de casación), sustenta esa resolución en considerar que esa actuación irregular, que é para o BNG un evidente exemplo de “chalaneo contractual” e de xestión irregular por parte do Goberno municipal, non ten forza legal para ser considerada un contrato, ao contravir abertamente a normativa, polo que -en opinión do TSXG- non procede aboar contía algunha á promotora privada do concerto. Neste sentido, celebramos que esta decisión xudicial poida impedir que a xestión irresponsábel e irregular do executivo de AbelCaballero acabecustándolle ás viguesas e vigueses case 2 millóns de euros de diñeiro público.

3.     É claro que esta sentenza, da mesma maneira que o primeiro fallo xudicial, amosan un comportamento inaceptábel en termos éticos e de transparencia por parte do Goberno municipal na xestión deste concerto.  Por este motivo, desde o BNG reiteramos que o goberno de Caballero debe igualmente asumir as súas responsabilidades políticas, a principiar polo cesamento de Patricia Rodríguez Calviño como máxima responsábel da área de Contratación e, por tanto, do falso concurso público e da trama irregular que envolveu o concerto.

4.     Na mesma liña, seguimos a reclamar o imprescindíbel reforzamento dos mecanismos de control municipal que a propia Intervención do Concello ten sinalado reiteradamente que son arestora insuficientes. Con ese obxectivo, reiteramos a solicitude de que se constitúa a Comisión do Pleno de Vixilancia da Contratación, que ten carácter legalmente obrigatorio pero que non existe, así como a elaboración dunhaordenanza municipal de transparencia na xestión e a creacióndunha Oficina Municipal Anticorrupción. Tal e como defendemos desde o inicio deste escándalo, o BNG apostamos en aplicar unha política de tolerancia cero fronte a calquera práctica irregular na contratación ou risco de corrupción na xestión de diñeiro público, despregando medidas efectivas para que algo así non poida volver pasar nunca. 

Publicacións Relacionadas