Home Deputacións Deputación Pontevedra Luis López defende no Parlamento de Galicia un orzamento para o ano...

Luis López defende no Parlamento de Galicia un orzamento para o ano 2026 de 239M€ co que seguir atendendo as necesidades dos 61 concellos da provincia

0
5

O presidente provincial volve facer gala da súa lealdade institucional cunha terceira comparecencia consecutiva para presentar unhas contas de récord que fortalecen liñas estratéxicas como Cooperación, Deporte, Turismo, Infraestruturas ou Benestar Social

O apoio aos concellos, aos que están dedicados un de cada tres euros de investimento, inclúe o reforzo do +Provincia ata os 50M€ que se complementa co segundo Plan Extra (35M€) e o terceiro Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas (8M€)

O dirixente reivindica o compromiso da Deputación coas cidades: “Non somos nin seremos unha Deputación de 2 cidades ou de 59 pequenos concellos. Somos a Deputación de toda a provincia de Pontevedra, dos 61”

A provincia do deporte contará cunha partida de 8,6M€, iniciativas novidosas como Plan de Equipamentos Provincia do Deporte ou a creación da Rías Baixas Sports Comission e o reforzo de plans exitosos como DepoVan ou as axudas para deportistas, clubs e concellos

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, comparece por terceiro ano consecutivo no Parlamento de Galicia para presentar o orzamento do organismo provincial para o vindeiro ano 2026. Unha intervención na que o dirixente informou do contido dunhas contas que aumentan nun 13,6% para situarse nos 238,6 millóns de euros —243M€ na versión consolidada— e que volven ter a cooperación cos 61 concellos da provincia e o impulso ao deporte, ao turismo e ás infraestruturas como os principais piares. “Desde o 1 de xaneiro de 2026 a Deputación de Pontevedra disporá de 238,6 M€, unha suba de preto de 29 M€ con respecto ao pasado ano. Son os máis altos da historia da provincia e, alén da contía global, volven reforzar os principais eixos de goberno da nosa institución”, remarcou o presidente López.

Diante de representantes dos tres grupos políticos con representación na cámara autonómica, o mandatario provincial debullou os detalles das principais liñas do orzamento comezando pola principal, “o eixo número un é o financiamento dos concellos”. Neste ámbito, López salientou que “novamente o orzamento volve destinar un de cada tres euros a apoiar os investimentos, a creación de emprego ou o pago de facturas por parte dos concellos; tres tarefas que, a día de hoxe, poden ser extremadamente difíciles para algúns”. Neste sentido, fixo fincapé en que a principal competencia da Deputación é a asistencia aos concellos con menos recursos. “Nada nos desvía daquilo que xustifica a propia existencia dos gobernos provinciais: a atención aos pequenos e medianos municipios, que en Pontevedra son 59 de 61. Serán eles, os de menos de 50.000 habitantes, os que se beneficien dunha inxección sen precedentes de 128 M€”, defendeu facendo referencia ao financiamento de servizos como o SAF ou a asistencia á hora de redactar informes e proxectos como a programas impulsados polo seu goberno pensados para estes concellos como o +Provincia, que acada a cifra inédita de 50M€ e por primeira vez permitirá anticipar fondos da anualidade do 2027; o segundo Plan Extra (35M€) ou o terceiro Plan Extraoridnario de Infraestruturas Deportivas (8M€).

“A Deputación dos 61 concellos”

Con todo, a coidada atención aos concellos pequenos non é impedimento para reforzar a colaboración coas dúas grandes cidades da provincia: Vigo e Pontevedra. De feito, en pouco máis de dous anos de goberno, Luis López mantivo encontros institucionais con todos os alcaldes da provincia, a maior parte deles por partida dobre, ademais de visitas semanais a concellos de todas as comarcas. “Non somos nin seremos unha Deputación de 2 cidades ou de 59 pequenos concellos. Somos a Deputación de toda a provincia de Pontevedra, dos 61”, deixou claro Luis López para detallar a continuación que no vindeiro ano a Deputación volve reservar 7,5 millóns de euros para que os concellos de Vigo e Pontevedra financien proxectos con cargo a fondos provinciais.

A maiores, a Deputación impulsa proxectos en ambas as dúas cidades que disparan o investimento provincial moi por enriba deses recursos reservados para convenios bilaterais. En Vigo, “que ten 100M€ máis de orzamento que toda a provincia xunta”, a Deputación está presente en Balaídos, cun aportación de 13,3M€ para a grada de Gol dos que a metade están incluídos neste orzamento; no barrio de Teis, cun investimento de 5M€ (o 70 % do total) para a piscina municipal; no Cine Fraga, cunha nova achega de 1,2M€ no ano 2026 que se sumen aos 4,5M€ destinados pola Deputación para a súa compra en colaboración coa Xunta; e outros 20M€ repartidos en distintas actuacións en todos os eidos. En Pontevedra, “cuxo orzamento supera aos catro concellos seguintes en tamaño”, están reservados 216.000€ para preparar a Bienal do ano 2027 despois do investimento neste 2025 de 1,7M€ para un regreso triunfal; o Museo dispón neste documento dunha partida de 8M€; a reforma de Santa Clara está dotada con 7M€, Príncipe Felipe recibirá a maior inxección da historia con 5M€ e a colaboración para organizar eventos estratéxicos como as Series Mundiais de Tríatlon ou a entrega dos Premios Feroz cífrase 400.000€. Neste sentido, lamentou o dirixente provincial que os rexedores destas dúas cidades esixan máis recursos á Deputación cando non o fixeron cando gobernaron a institución durante oito anos ou mesmo cando non alzan á voz para facer reclamacións ao Goberno central.

Impulso á provincia do deporte

Para que Pontevedra siga sendo a provincia do deporte, o executivo de Luis López reforza esta área con 8,6M€ de orzamento (unha suba do 35 %) cun amplo paquete de iniciativas entre as que sobresaen a creación do primeiro Plan de Equipamentos Provincia do Deporte (Prodeporte) dotado con 1,8M€ para mellorar as instalacións de titularidade de clubs, asociacións ou entidades; a multiplicación por tres ata acadar o millón de euros o crédito da segunda convocatoria de Depo Van, o plan de axudas para a adquisición de vehículos para entidades deportivas; a ampliación o apoio aos deportistas de alto nivel e aos clubs, a organización da Cátedra do Deporte coa Universidade de Vigo, o reforzo das axudas aos concellos para a organización de eventos deportivos con repercusión turística e coa creación da Rías Baixas Sports Comission para captar eventos deportivos de alcance nacional e internacional. “Propuxémonos converter a Pontevedra na provincia do deporte, e seguimos actuando a todos os niveis”, sostén o presidente.

A aposta polo turismo tamén sobe para o vindeiro ano a través do reforzo das políticas de Turismo Rías Baixas para seguir avanzando na internacionalización, na calidade e na descentralización do destino cun investimento de 7M€ que inclúe máis apoio aos concellos e o reforzo a unha das grandes referencias do destino como son os Rías Baixas Fest, que contará cunha suba do 47 % no seu orzamento para incorporar novos festivais. O orzamento do servizo de Cultura elévase nun 15 % para seguir á vangarda con accións como a exposición por primeira vez na historia do Museo da obra cume de Castelao, “A derradeira Lección do Mestre”; ou programas pioneiros como o da compra de vestiario e instrumentos para bandas de música.

A área de Benestar Social é outro dos servizos que recibe un importante impulso de cara ao vindeiro ano cunha suba do 15 % para incorporar medidas novidosas como unha liña de apoio para a adquisición de vehículos por parte dos colectivos e un pulo sen precedentes a Príncipe Felipe. Así mesmo, a atención aos colectivos mantense como unha das bandeiras do goberno de Luis López, que seguirá no 2026 ao carón dos colectivos veciñais co reforzo de iniciativas tan ben acollidas como o +Convivir ou as axudas para reformar locais sociais; das comunidades de augas, cos plans +Aqua, Novaqua ou a Oficina de Transformación Comunitaria.

Infraestruturas, mobilidade e reto demográfico

A partida para o servizo de Infraestruturas crece nun 56 %, ata os 38M€, para seguir mellorando a seguridade dos 1.600 quilómetros da rede viaria provincial e tamén para impulsar proxectos como a redacción do proxecto da Vía Verde desde Redondela a Pontevedra e relanzar o transporte público no rural con programas como Conecta Rural. Do mesmo xeito, o goberno de Luis López seguirá alzando a voz para reclamar un mellor servizo para o aeroporto de Peinador, que o de Vigo sexa nomeado porto nodal, que a liña de AVE entre Vigo e Porto sexa unha realidade canto antes e que a AP-9 sexa dunha vez gratuíta e transferida a Galicia.

O presidente da Deputación volveu remarcar a importancia que ten comparecer cada ano na Comisión Terceira de Economía e Facenda, o foro recollido polo Estatuto de Autonomía, para presentar os orzamentos. Un debate no que a Deputación de Pontevedra estivo ausente durante os sete anos anteriores á toma de posesión de Luis López como presidente da Deputación. Unha comparecencia na que tamén fixo referencia á boa saúde económica da que goza o organismo provincial que, despois de que o goberno de Luis López tomara a decisión de liquidar a débeda contraída polo anterior goberno para o financiamento do programa ReacPon, actualmente a Deputación pode presumir de ter débeda cero.

“Para min intervir aquí non é unha posibilidade legal, é unha obriga institucional e unha oportunidade política que compartimos e aproveitamos o resto de presidentes das provincias galegas”, concluíu o presidente da Deputación de Pontevedra.