A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, acompañada por membros do seu equipo de goberno, veciños e veciñas de Louredo e o membro do Congreso dos Deputados pola provincia de Pontevedra, Pedro Puy, volveu denunciar esta tarde a falta de avances na execución das obras de mellora do perigoso cruce de O Tablado, situado no punto quilométrico 148+650 da estrada N-550.
A rexedora lembrou que, a pesar de que o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible aprobou definitivamente o proxecto de trazado, segundo se recolle no BOE do 9 de outubro de 2024, non se está a cumprir co compromiso adquirido nin se ve movemento algún na zona.
“É inadmisible que pasen os anos, se aprobe un proxecto, se recoñeza a urxencia da actuación e que sigamos sen ver nin unha soa máquina traballando”, manifestou Arévalo.
“A desatención é absoluta e a falta de comunicación co Concello, total. Levan anos prometendo unha mellora que non chega”, insiste.
O proxecto de remodelación da intersección da N-550 en Pombal-Louredo, valorado en 582.432,27 euros, contempla desprazar a actual intersección uns 270 metros ao sur, mellorando a visibilidade e a seguridade viaria mediante a creación de cuñas de incorporación e saída, carrís centrais de espera e posibilidade de cambio de sentido.
A alcaldesa volveu esixir a licitación inmediata das obras, lembrando que a intersección de O Tablado é un dos puntos máis perigosos do municipio, con alta circulación de vehículos pesados e presenza frecuente de peregrinos do Camiño de Santiago.
“Mos leva moito tempo loitando por esta actuación e non imos calar. O Goberno central debe dar a cara e cumprir co seu deber institucional. Non será por non reivindicar nin por non insistir”, subliñou a rexedora.
Pregunta rexistrada no Senado
Ademais, Nidia Arévalo, en calidade de Senadora, rexistrou xa unha pregunta dirixida ao ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Óscar Puente, solicitando explicacións sobre os motivos polos que non se está a cumprir co compromiso de execución da obra, así como os prazos previstos para a redacción do proxecto construtivo, a licitación das obras e a partida orzamentaria que se aplicará nos Orzamentos Xerais do Estado.
Pola súa banda, Pedro Puy, Irene Garrido, Juan Bayón e Celso Delgado, deputados pertencentes ao Grupo Parlamentario Popular no Congreso, tamén presentaron estas preguntas na mesa do Congreso dos Deputados, solicitando obter resposta por escrito.
Ademais, a rexedora tamén criticou a falta de respecto institucional do subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, por non convocar ao Concello de Mos á reunión que mantivo a pasada semana coa veciñanza de Louredo, na que anunciou que o Ministerio está a traballar na redacción do proxecto construtivo.
“Resulta inaceptable que o representante do Goberno do Estado na provincia visite Mos e non conte coa alcaldesa nin co equipo de goberno, cando estamos a falar dunha obra que levamos anos reclamando”, afirmou Arévalo. “O que fai falta non son fotos nin reunións sen coordinación, senón compromisos firmes e feitos reais”, concluíu.
De igual forma, a parlamentaria mosense Felisa Rodríguez presentou una proposta conxunta xunto a outros parlamentarios ante esa Mesa do Parlamento a mesma pregunta para a súa resposta oral na Comisión 2ª, Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos.
        


