HomeXunta de GaliciaGalicia acada o mellor outubro de afiliacións con 1.102.984 cotizantes e o...

Galicia acada o mellor outubro de afiliacións con 1.102.984 cotizantes e o paro máis baixo dese mes con 113.386 persoas desempregadas

- Anuncio -spot_img
  • A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, valorou hoxe os datos de paro rexistrado e de afiliacións á Seguridade Social correspondentes ao pasado mes de outubro
  • En Galicia cae o desemprego con respecto a hai ano a un maior ritmo que en España (unha redución do -7,22 % fronte ao -6,08 % de media estatal), mentres aumentan as contratacións (+2,01 %) e no conxunto do Estado diminúen (-1,08%)
  • O paro redúcese a nivel no último ano nas catro provincias, nas sete grandes cidades e en todos os eidos económicos, liderando a caída a construción, seguida da industria, do sector primario e, por último, dos servizos
  • Sobre os colectivos prioritarios, tanto as mulleres como os menores de 30 anos e os parados de longa duración acadan as cifras máis baixas de desemprego para un mes de outubro de toda a serie histórica

Galicia rexistra o nivel de desemprego máis baixo nun mes de outubro de toda a serie histórica, con 113.386 persoas. Mentres, acádase o mellor outubro de afiliacións á Seguridade Social, con 1.102.984 cotizantes, manténdonos por riba das 1.100.000 afiliacións desde hai catro meses. Así o destacou hoxe a directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, na valoración dos datos relativos ao pasado mes.

Lado puxo de relevo que se rexistraron 8.828 persoas desempregadas menos ca en outubro de 2024, o que supón unha redución do -7,22 %,  máis dun punto de vantaxe con respecto á media estatal (-6,08 %). Canto ás afiliacións á Seguridade Social, a directora xeral salientou que Galicia conta con 19.608 afiliacións máis en relación a hai un ano, o que implica unha suba do 1,81 %.

Cómpre destacar que o bo comportamento do mercado laboral galego é transversal ás catro provincias e ás sete cidades. A maiores, na evolución anual o paro cae en todos os eidos económicos, liderando o descenso a construción (-12,44%), seguida da industria (-11,41%), do sector primario (-11,13%) e, por último, dos servizos (-5,75%).

En relación cos colectivos prioritarios, tanto no caso das mulleres como dos menores de 30 anos e dos parados de longa duración, rexístrase a cifra máis baixa de desemprego para un mes de outubro de toda a serie histórica (maio 2005), rexistrando respectivamente unha caída anual de 4.673 persoas —un 6,54 % menos—, de 308 mozos e mozas —un recorte do 2,20 %— e  de 5.606 persoas —un 9,13 % de baixada—.

Canto ás contratacións, cómpre sinalar que en Galicia o número de contratos aumenta na comparativa interanual un 2,01 % (asináronse 1.352 contratos máis que no mes de outubro do ano pasado), mentres no conxunto do Estado diminúen as contratacións (-1,08 % e -16.427 contratos).

Publicacións Relacionadas