HomeXunta de GaliciaA Xunta pon a disposición da cidadançia desde mañá ás 9,00 horas...

A Xunta pon a disposición da cidadançia desde mañá ás 9,00 horas os bonos dunha nova edición da campaña Activa Comercio dotado cun orzamento de 2,5 m€

- Anuncio -spot_img
  • O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a 2ª andaina do programa en 2025, que promoverá descontos de ata 30 € coa previsión de mobilizar máis de 8,5 M€ en vendas
  • Os establecementos non terán que inscribirse de novo para participar na iniciativa, senón que segue vixente a adhesión da 1ª edición deste ano co obxecto de gañar en axilidade, en beneficio tanto dos comerciantes como das persoas consumidoras
  • En todo caso, se algún comercio non se sumara e quere facelo, ten de prazo aínda ata o 15 de decembro ou ata que remate o crédito desta última edición que se vai convocar
  • Enmarcada no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, esta iniciativa consolidarase en 2026, con dúas novas edicións previstas por un total de 5 M€

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a segunda edición dos bonos Activa Comercio 2025, dotada con 2,5 M€, co gallo de poñer mañá a disposición das persoas consumidoras —desde as 9,00 horas— os bonos de desconto de ata 30 euros. O importe súmase aos 2,5 millóns de euros destinados á anterior edición da iniciativa este ano, sumando un total de 5 M€. Unha cantidade que volverá consignarse nos orzamentos de 2026 para consolidar esta acción dinamizadora do comercio local.

Como novidade, os establecementos non terán que inscribirse de novo para participar na iniciativa, senón que segue vixente a adhesión da primeira edición, co obxecto de gañar en axilidade en beneficio tanto dos comerciantes como das persoas consumidoras. En todo caso, se algún comercio non se sumara e quere facelo agora, ten de prazo aínda deica o 15 de decembro ou ata que remate o crédito desta última edición.

O programa dos bonos Activa Comercio ten como obxectivo incentivar a demanda comercial axudando economicamente as persoas consumidoras e fomentando o consumo nos establecementos retallistas adheridos á campaña. Con esta nova edición, o Goberno galego prevé mobilizar máis de 8,5 M€ en vendas no comercio de proximidade de Galicia.

Funcionamento do programa

Cada bono terá un desconto de 30 euros para as compras realizadas nos comercios adheridos. A partir de mañá (desde as 9,00 horas) as persoas consumidoras interesadas poderán descargar eses bonos desde a web www.bonosactivacomercio.gal e canxealos nos establecementos mediante o seu formato dixital QR.

O importe irase reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalles un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.

Como en anteriores ocasións, cada persoa poderá descargar un único bono, e non se limitará o número de usuarios que poden descargarse os bonos, senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar.

Edicións anteriores

As edicións anteriores desta iniciativa iniciada no 2021 contribuíron á reactivación das vendas no comercio local e a incentivar a demanda das persoas consumidoras, mobilizándose no sector comercial retallista máis de 110 millóns de euros.

A última edición, que tivo lugar en xuño deste ano, saldouse con máis de 6.700 comercios adheridos en toda Galicia, preto de 215.000 bonos descargados e máis de 11 millóns de euros mobilizados en compras, dos que a Xunta puxo a disposición —como agora— un crédito de 2,5 millóns de euros en descontos de ata 30 euros por persoa.

Ligazón á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20251104/AnuncioG0767-101025-0007_gl.html

Publicacións Relacionadas