HomePontevedraBaixo MiñoO Rosal tece creatividade co taller de macramé dos Obradoiros de Outono

O Rosal tece creatividade co taller de macramé dos Obradoiros de Outono

- Anuncio -spot_img

O Concello organiza o 15 de novembro (de 10 a 14 h) unha sesión práctica con Ana Loredo, de Nai Diseños, para aprender a tecer coas mans obxectos como un bolso

Aberto o prazo de inscrición para participar neste obradoiro dirixido a todos os públicos con prioridade para menores de 30 anos

Tecer sen agullas, só coas mans, pode ser unha experiencia tan relaxante como inspiradora. Unha experiencia coa que poderán desconectar as persoas que participen no taller de macramé, unha nova proposta dos Obradoiros de Outono na que se combina arte, tradición e sustentabilidade nun espazo de aprendizaxe compartida

A cita será o sábado 15 de novembro, de 10.00 a 14.00 horas, no Muíño das Aceñas, e estará impartida pola artesá Ana Loredo, de Nai Deseños, que ensinará ás e aos participantes a transformar algodón reciclado en auténticas pezas de deseño. Durante a sesión, as persoas participantes aprenderán a tecer sen agullas, empregando só os dedos, e crearán o seu propio bolso de algodón reciclado, explorando unha técnica versátil que permite dar forma e volume a obxectos como flores, cestas, tapices e moito máis.

Trátase dun taller 100% práctico, no que cada persoa poderá avanzar ao seu ritmo, desfrutando do proceso e da calma que ofrece o traballo artesanal. A actividade está aberta a toda a veciñanza, aínda que terán prioridade as persoas menores de 30 anos, e contará cun prezo reducido de 24 euros por participante.

As praza son limitadas, polo que as persoas interesadas poden xa formalizar a súa inscrición a través do formulario web habilitado polo Concello. Unha vez realizada a inscrición, o Concello contactará coas persoas interesadas para confirmar a súa participación e recibir información sobre o modo de pago.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, subliñou que este tipo de iniciativas “contribúen a fortalecer a nosa identidade como comunidade creativa e sostible, ofrecendo espazos para aprender, compartir e desfrutar dun tempo de calma e creación colectiva”. A rexedora engadiu ademais que “os Obradoiros de Outono son xa unha cita consolidada no calendario cultural rosaleiro, un espazo onde o coñecemento artesanal e a innovación se dan a man”.

Pola súa parte, o concelleiro de Xuventude, Alejandro González, destacou “a boa acollida que sempre teñen estes obradoiros entre a mocidade e a veciñanza, que ven neles unha oportunidade para descubrir novas habilidades, desconectar das pantallas e conectar coa creatividade e coa natureza”.

Con esta nova edición dos Obradoiros de Outono, o Concello do Rosal reafirma o seu compromiso coa formación, a creatividade e a sustentabilidade, fomentando espazos de encontro interxeracional onde a aprendizaxe práctica se converte tamén nun acto de benestar e de conexión co territorio.

Publicacións Relacionadas