Rafa Domínguez amosou a súa satisfacción polo crecemento sostido de afluencia ao monumento, que o consolidan como un referente en Galicia
A Deputación de Pontevedra pechou o venres 31 de outubro por esta tempada as Ruínas de San Domingos marcando un novo rexistro histórico de visitas, o maior nos últimos 15 anos. En 2025, un total de 123.871 persoas accederon aos restos do antigo convento dominico da cidade, cun importante aumento con respecto a 2024, ano no que o período de apertura foi máis curto por mor dunha actuación de mantemento, e tamén superando lixeiramente ao ano 2023.
O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, amosou a súa satisfacción por “uns datos que consolidan o Museo de Pontevedra como un dos grandes referentes culturais de Galicia e as Ruínas de San Domingos como un dos espazos máis recoñecibles e visitados da nosa provincia”. Domínguez subliñou que “este crecemento sostido amosa o interese que espertan o noso patrimonio e a nosa historia, e reforza a aposta da Deputación por facer da cultura un eixo central do seu proxecto de futuro”.
Tamén salientou que “as Ruínas de San Domingos son moito máis ca un monumento: son unha parte esencial da identidade de Pontevedra, un lugar simbólico que fala da nosa memoria e do valor que esta cidade sempre lle deu á súa herdanza artística”. O vicepresidente destacou que “cada visitante que se achega a San Domingos contribúe a manter viva esa historia, e a que o Museo siga sendo un espazo aberto e en diálogo coa sociedade”.
Por último, Domínguez puxo en valor o traballo do equipo do Museo de Pontevedra, “que coida con mimo e profesionalidade este patrimonio único, garantindo a súa conservación e facendo posible que miles de persoas poidan gozar del cada ano”. Engadiu que “seguiremos reforzando os recursos e a programación do Museo para que espazos tan singulares como este continúen sendo un orgullo para toda a provincia”.
As Ruínas de San Domingos é o máis antigo dos sete edificios que conforman o Museo de Pontevedra. O pico de visitas acadárono no ano 2010, en boa medida porque estivo aberto ata final de ano. Desde que, como medida de conservación, se pecha ao público durante os meses de inverno, as visitas situáronse preto das 100.000 persoas ao ano, excepto nos anos da pandemia. Nos últimos anos viviuse un incremento: en 2022 foron 111.662 e en 2023 foron 123.436. Só no 2024 baixaron ás 72.256 persoas debido a que estiveron máis tempo pechadas por unhas obras de mantemento. A cifra de 2025 sitúa unha nova marca nun dos monumentos máis visitados da cidade e da provincia.
As Ruínas estarán pechadas no inverno e volverán abrir o 15 de marzo de 2026, no seu horario de martes a sábado de 10:00 h a 14:00 h e de 16:00 h a 19:30 h, e de 11:00 a 14:00 h os domingos e festivos. Entre o 1 de novembro e o 14 de marzo poden concertarse visitas para grupos contactando co Museo de Pontevedra. A viabilidade das visitas dependerá das condicións meteorolóxicas e da dispoñibilidade do departamento de Educación do Museo na data solicitada.
As Ruínas de San Domingos son os restos da antiga igrexa e do convento dominico da cidade, fundado cara a 1282. O que se conserva é a cabeceira da igrexa de cinco ábsidas, excepcional no gótico galego, parte do muro sur da igrexa e a entrada á sala capitular, que se corresponde con obras realizadas a partir de 1383.



