O alcalde, Jacobo Pérez, acompañado de membros do Goberno e da Corporación local e de representantes das plataformas veciñais, fixo entrega das alegacións na Subdelegación do Goberno en Pontevedra, entre as que se inclúen as elaboradas polos técnicos municipais e que foron aprobadas por unanimidade no Pleno
Pérez Gulín salienta “o esforzo e compromiso” do tecido social do municipio e confirmou que solicitará novas reunións co Ministerio de Transportes para insistir en que a Variante se acometa nun proxecto separado do acceso ao Porto de Vilagarcía
O alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez, fixo entrega este martes na sede da Subdelegación do Goberno en Pontevedra das preto de 4.000 alegacións recollidas contra o estudo da Variante Oeste proposta polo Ministerio de Transportes e Movilidade Urbana. O rexedor estivo acompañado na entrega por membros do Goberno local e da Corporación municipal, así como de representantes das plataformas veciñais que se opoñen ao proxecto. Cómpre lembrar que o Ministerio ampliou o período para a presentación de alegacións, debido a un erro detectado durante a tramitación do documento, o que permitiu “que agora máis voces poidan ser escoitadas”, tal e como indicou Pérez Gulín.
As alegacións recollidas polas plataformas engádense ás redactadas polos técnicos municipais, que foron aprobadas por unanimidade no Pleno extraordinario convocado onte luns. Toda a documentación incide na necesidade de que a construción da Variante Oeste se acometa nun proxecto independente, que non inclúa o futuro acceso ao porto de Vilagarcía de Arousa, xa que é esa actuación a que provoca un maior impacto no municipio. Tanto o Concello caldense como o tecido asociativo e veciñal coinciden en reafimarse na solicitude de que se recupere a opción que xa defendía a Administración local hai anos, e que pasa pola construción dunha vía branda con beirarrúas e accesos, que una as estradas nacionais N-550 e N-640.
Jacobo Pérez quixo agradecer a implicación e o esforzo realizado polas plataformas veciñais das parroquias durante todas estas semanas. “Esa implicación resulta fundamental para que desde o Ministerio modifiquen o estudo”, sinalou, ao tempo que amosou a súa confianza en que o Goberno central teña en conta as alegacións. Neste aspecto, recordou as xuntanzas mantidas ao longo dos últimos meses con representantes do máximo organismo estatal, como o delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, e o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, así como coa Demarcación de Carreteras del Estado. En todos estes encontros, nos que tamén tiveron ocasión de participar membros das plataformas, “o que nos transmitiron os representantes estatais foi que as peticións que estamos a facer son lóxicas e asumibles, polo que estamos convencidos de que as alegacións serán tidas en conta, de xeito que se consolide unha actuación moi necesaria para o noso concello, evitando calquera tipo de impacto nocivo contra a veciñanza”.
Por último, Jacobo Pérez subliñou que “Caldas de Reis falou alto e claro, pronunciándose de xeito inequívoco sobre as consuencias que tería a actuación tal e como está prantexada”. Neste sentido, o alcalde adiantou que solicitará novas reunións co Ministerio de Transportes e coa Delegación do Goberno en Galicia para garantir que “as demandas da nosa xente sexan tidas en conta”.



