HomeA CoruñaBrión inicia os actos de conmemoración do 25N co obradoiro de autocoidado...

Brión inicia os actos de conmemoración do 25N co obradoiro de autocoidado feminino “O descanso da guerreira”

- Anuncio -spot_img

O centro social polivalente acolleu esta mañá o obradoiro “O descanso da guerreira”, unha actividade coa que o Concello de Brión dá inicio á programación especial de actividades arredor do 25 de novembro e que inclúe obradoiros, relatorios, teatro e andainas, todas elas de balde. A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Rosa Romero, explica que “este ano o programa está centrado en dous obxectivos principais: difundir información sobre os recursos legais, psicolóxicos e económicos dispoñibles para facer fronte ás distintas formas de violencia machista e, por outra banda, poñer o foco na reparación e no encontro entre mulleres de todas as idades”.

Por iso, a programación arrincou esta mañá coa primeira das cinco sesións do obradoiro “O descanso da guerreira”, un espazo de conexión feminina e autocoidado impartido pola terapeuta e bailarina Martha Franco. Durante os catro próximos martes, en horario de 11:00 a 12:30 horas, as participantes aprenden ferramentas para mellorar o seu benestar e calidade de vida, como técnicas de automasaxe, respiración, movemento, estiramentos, nutrición e xestión emocional. A participación é totalmente de balde e aínda é posible anotarse para as seguintes sesións no teléfono 981 509 910 ou no mail sabela.losada@concellodebrion.gal.

Andaina

A programación continuará este sábado 8 de novembro coa andaina “Camiñamos xuntas!”, un percorrido de 5 km apto para todas as idades que sairá ás 11:00 horas do centro social polivalente. Como no resto de actividades, a participación é totalmente gratuíta, se ben é preciso anotarse chamando ao 981 509 910, enviando un mail a sabela.losada@concellodebrion.gal ou enchendo o seguinte formulario https://forms.gle/8WVh6F9HX4cRj9th6

Para o luns 10 de novembro está programado o obradoiro “Teatro para sandar(nos)”, que terá lugar de 16:00 a 18:00 horas. Trátase dun taller de teatro para mulleres dirixido pola actriz Diana Sieira e con ferramentas empoderadoras, expresión corporal, xogo simbólico, creación colectiva… Terá lugar no centro social polivalente brionés.

Semana do 25N

Xa máis próximos á celebración do 25 de novembro, o venres 21, ás 20:30 horas, terá lugar unha sesión de teatro profesional: “Sophie non é o meu nome de guerra”, da compañía Redrum Teatro sobre a vida dunha muller migrante vítima de trata. Esta é a única actividade na que as inscricións terán que facerse a través de billeteira.concellodebrion.gal, sendo tamén totalmente de balde.

O luns 24 de novembro, de 17:00 a 18:30 horas, terá lugar o relatorio “Asesoría xurídica sobre violencia de xénero”, impartida pola avogada Cristina Martínez. Nesa sesión, a poñente ofrecerá información legal sobre a violencia de xénero, como actuar no caso de ser vítimas ou testemuñas, e responderá a todas as consultas e dúbidas que se lle plantexen.

O propio 25 de novembro, a praza do Concello acollerá ás 12:00 horas a lectura do manifesto institucional contra a violencia de xénero, cunha actuación de Teatro das Maniotas, do IES de Brión. En caso de choiva, o acto trasladaríase cara o centro social polivalente.

Finalmente, o luns 1 de decembro terá lugar un segundo relatorio, desta vez “Asesoría sobre a violencia sexual”, da man da psicóloga Lara Fuentes. O centro social polivalente acollerá de 18:00 a 19:30 horas unha charla sobre o que se pode facer no caso de ser vítimas ou testemuñas de violencia sexual.

Publicacións Relacionadas