HomeA CoruñaMuxía celebra o Magosto das Abaladeiras cun novo Concurso de Empanadas

Muxía celebra o Magosto das Abaladeiras cun novo Concurso de Empanadas

- Anuncio -spot_img

O vindeiro sábado 15 de novembro, a Lonxa de Muxía acollerá unha nova edición do Magosto das Abaladeiras, organizado polo Concello de Muxía e o colectivo As Abaladeiras de Muxía.

A cita, xa consolidada como unha das festas máis queridas do outono muxián, combinará xogos populares, música tradicional, gastronomía e moita participación veciñal.

A gran novidade deste ano será o I Concurso de Empanadas do Magosto, que se celebrará na propia lonxa. As persoas interesadas poderán inscribirse e entregar as súas empanadas entre as 15:00 e as 16:00 horas.

O xurado, formado por tres persoas vencelladas ao mundo do comercio e da hostalaría, fará a cata e valoración entre as 17:00 e as 18:00 horas, e o fallo anunciarase ás 20:00 horas.

Os premios consistirán nunha cesta de produtos de outono, un xamón e un lote de produtos tradicionais.

A xornada comezará ás 16:00 horas cunha ximcana de xogos populares, e ás 18:00 horas dará comezo a foliada, a cargo das Abaladeiras de Muxía acompañadas de grupos convidados do folclore galego. Ademais, o público poderá gozar de castañas de balde e dun ambiente festivo e familiar.

A concelleira de Cultura, Sandra Vilela, salientou que “seguimos traballando para  manter viva a nosa tradición, pero sobre todo para conseguir un pobo unido. O magosto é unha festa que fala das nosas raíces, mais tamén da nosa identidade colectiva. Queremos fomentar a participación cidadá e manter Muxía viva, con actividades que xunten á veciñanza e transmitan ás novas xeracións o valor da nosa cultura”.

O Concello de Muxía e As Abaladeiras convidan a toda a veciñanza e visitantes a participar nesta celebración da tradición, da amizade e dos sabores do outono.

Publicacións Relacionadas