Home Pontevedra Baixo Miño Tomiño reclama con urxencia a ampliación do IES Antón Alonso Ríos

Tomiño reclama con urxencia a ampliación do IES Antón Alonso Ríos

0
4

O Concello aprobou en pleno esixir á Consellería de Educación avances reais neste proxecto que leva sete anos sen cumprirse

Tras case unha vintena de escritos sen contestar, o Concello pide tamén unha reunión urxente coa Xunta para abordar as necesidades dos centros educativos do municipio

O Concello aprobou este xoves en pleno esixir á Xunta de Galicia a inmediata ampliación do IES Antón Alonso Ríos e instar á Consellería de Educación a fixar unha reunión urxente coa Xefatura Territorial de Educación, que leva máis de dous anos sen atender as solicitudes formuladas de forma reiterada polo goberno municipal para abordar as necesidades dos centros educativos do municipio.

O IES Antón Alonso Ríos, que celebrou o seu trinta aniversario en 2024, é un referente educativo no Baixo Miño, mais sofre unha situación de precariedade estrutural que limita o seu crecemento e condiciona a creación de novos ciclos formativos. Dende 2018, a Xunta anunciou en repetidas ocasións o inicio das obras de ampliación, fixando datas que foron adiadas unha e outra vez (2020, 2022, 2023 e 2024) sen que, a día de hoxe, exista nin licitación nin partida orzamentaria prevista para 2025 nin 2026.

Por este motivo, o pleno municipal aprobou instar á Xunta a incluír unha partida nos orzamentos autonómicos de 2026, así como solicitar á Consellería de Educación un informe detallado sobre o estado actual do proxecto e mellorar a comunicación coa dirección do centro e co propio Concello.

Xunto a esta demanda, o Concello tamén denunciou o reiterado silencio da Xefatura Territorial de Educación, que, malia ter recibido máis de dezaoito escritos e solicitudes formais, non accedeu a fixar unha reunión co goberno municipal. A última comunicación rexistrada, datada o 3 de xullo deste ano, rexeita a petición de encontro e nega a necesidade de interlocución co Concello, o que o goberno local cualifica non só de “falta de respecto institucional”, senón que tamén “ignora o papel fundamental que xogan os concellos no día a día da xestión educativa, especialmente no que ten que ver co mantemento dos edificios, a seguridade das instalacións e a coordinación de obras que afectan directamente á comunidade educativa”.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, lembrou que o Concello leva anos investindo recursos propios en melloras nos colexios para renovacións de cubertas, obras de accesibilidade, mellora de patios e apoio a actividades educativas, a pesar de que moitas destas actuacións non son competencia municipal directa senón da Consellería de Educación e da Xunta de Galicia.

O Concello de Tomiño reitera o seu compromiso firme coa educación pública, coa igualdade de oportunidades e coa mellora continua das infraestruturas escolares, e asegura que seguirá reclamando con determinación o que lle corresponde á comunidade educativa tomiñesa por dereito: un ensino público digno, seguro e de calidade.