O espectáculo “Superharte” representarase a cargo de Patty Diphusa na Praza da Constitución ás 17:00 horas
+Escénicas é o circuíto da institución provincial que leva unha completa programación de teatro e danza aos concellos de menos de 20.000 habitantes
A Deputación de Pontevedra leva este sábado 8 de novembro o circuíto +Escénicas ao concello de Cuntis da man dun espectáculo familiar sobre vencer os medos a cargo de Patty Diphusa. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
O espectáculo “Superharte” representarase na Praza da Constitución a partir das 17:00 horas. Trátase dun número de clown que pretende dar a clave para evitar que os medos paralicen especialmente ás nenas e os nenos aos que todo o mundo lles din que non poden. Deste xeito, conta cunha mensaxe de apoderamento para vencer eses medos e que todas as persoas sexan quen de facer o que parece imposible.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril de 2025 e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.



