A obra “Feminíssimas” chegará da man da compañía Ste Xeito Produccións á Sala da Cultura de Mondariz-Balneario ás 20:00 horas
O espectáculo “De algo hai que morrer” representarase a cargo de Malasombra no Auditorio municipal da Cañiza ás 20:30 horas
+Escénicas é o circuíto da institución provincial que leva unha completa programación de teatro e danza aos concellos de menos de 20.000 habitantes
A Deputación de Pontevedra leva este sábado 8 de novembro o circuíto +Escénicas ao concello de Mondariz-Balneario cunha obra de teatro a cargo da compañía Ste Xeito Produccións e ao concello da Cañiza cun espectáculo para público infantil da man de Malasombra. Trátanse de dúas actuacións enmarcadas na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
“Feminíssimas” representarase na Sala da Cultura de Mondariz-Balneario a partir das 20:00 horas e trátase dunha obra de teatro centrada nun congreso feminista na cidade de Vigo, no que se atopan tres amigas da adolescencia que hai anos que non se ven e que teñen tres maneiras distintas de entender o feminismo. Este é o eixo da obra de Esther F. Carrodeguas, Noelia Blanco, Stephy Llaryora e Xavier Castiñeira. Con altas doses de humor, ironía e complicidade analiza de que maneira as mulleres conviven no actual mundo feminista. Pola súa banda, “De algo hai que morrer” representarase no Auditorio municipal da Cañiza a partir das 20:30 horas e está pensado para todos os públicos. Trátase dunha conferencia fúnebre-cómico-teatral na que o profesor Jeckill e o profesor Hyde divulgan as súas investigacións sobre un tema que afecta ao cen por cen da poboación de todo o mundo sen distinción: a morte. Os profesores disertan, dramatizan e dan resposta a preguntas sobre este asunto principal, pero tamén sobre a vida que hai tras ela.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril de 2025 e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.



